Martín V. Añel foi o último socio en incorporarse a Rexenerando, cooperativa que comparte con Andrea Rico, Paola Bermúdez e Olga Romasanta. Artéllase, apunta, como un proxecto de “autoemprego, de decidir as túas condicións de traballo e de apostar por iniciativas que cremos poden darlle valor ao mundo nos eidos cultural, educativo e sociocomunitario”.
Añel bota man da afirmación dunha das fundadoras para defender por que se optou por esta fórmula: “Non ter que pedir permiso para coidar”. A conciliación é unha das diferenzas, pero hai outras, algunhas a favor e outras en contra. “Traballamos no mercado do sociocultural e socioeducativo”, di, “e aí ás veces é moi difícil competir en condicións económicas con empresas grandes”. Ademais, hai clientes e mercados que “non teñen presente ou non lles importa que teñas unha forma xurídica ou outra e o peso recae principalmente nos criterios económicos. Nós, a ese nivel, non temos capacidade de competir”. Pero non sempre é así, pois hai administracións e clientes “que si lle dan importancia a que un proxecto sexa de economía social, que poña a vida no centro e que non busque o rendemento económico puro”.
Cada un ten voto para decidir o que é estratéxico para esta entidade
“Ademais”, engade, “destacamos a importancia de que cada unha de nós teña voto para decidir o que é estratéxico para a entidade. É fundamental, como tamén o é a sustentabilidade de Rexenerando, pero sen pasar por riba de nós e das nosas vidas”, sostén Añel. Con todo, rexeita “idealizar” o modelo cooperativo por estar “cheo de retos e dificultades” que se focalizan mellor cando “todas estamos aliñadas co que estamos a facer, que sexamos congruentes e coherentes”.