O mercado medieval de Ferrol toma as rúas do casco antigo

Algunhas das citas que se propoñen son obradoiros de pan, alfarería e piruletas de chocolate
O mercado medieval de Ferrol toma as rúas do casco antigo
A presentación realizouse fronte ao pazo municipal | DANIEL ALEXANDRE

A cidade de Ferrol retrocede varios séculos para celebrar a feira medieval, que este ano conta con máis dun cento de postos. O mercado abrirá esta tarde e permanecerá, creando festa polo casco antigo, até o vindeiro luns, cunha programación de numerosas intervencións para a animación, a divulgación e o lecer.


O pregoeiro viaxou no tempo dende unha corte da Idade Media, segundo delataba a súa vestimenta, para realizar onte a súa primeira parada na praza de Armas. Neste punto reuniuse coa concelleira de Turismo e Patrimonio Histórico, Maica García, e o xerente de La fábrica de los manjares, que é a empresa organizadora, Brais Otero.

 

Este equipo ocupouse de dar os detalles da programación, que se estrea hoxe ás 18.00 horas coa apertura dos 120 postos de alimentación, artesanía e hostalería, que pecharán a medianoite. Non obstante, mañá, o sábado e o domingo a actividade durará até a madrugada, nas franxas de 11.00 a 14.30 e 18.00 á 1.00. O horario da mañá do luns é o mesmo, mentres que o da tarde, día de despedida do mercado medieval,  rematará ás 23.00.


“Contaremos tamén cun pequeno zoco árabe con tetería”, adiantou a concelleira, que destacou a exposición de oficios antigos que albergará a feira, con exemplos como o ferreiro ou o esparteiro, e “que ensinará aos máis pequenos a facer a súa propia coroa de palma e a traballar o latón repuxado”. Os nenos e nenas tamén terán a disposición outras actividades como os obradoiros de barro con cinco tornos de pé, de piruletas de chocolate ou o “muíño co taller de pan onde aprenderán a amasar e levar o seu pan cocido para a casa”, resaltou García.


Tal e como remarcou Brais Otero, esta proposta é unha das grandes novidades, na que “con un molino se les explica la forma antigua de elaborar el pan”. O responsable de La fábrica de los manjares, que repite un ano máis na organización, explicou en que consistirá a escola de cabaleiros, tamén dedicada ao público infantil. “Se disfrazan con caballos, de escuderos y caballeros, para pasar diferentes pruebas en el campamento”, manifestou Otero, que aproveitou a intervención para animar ao disfrute desta iniciativa.
 

No mercado poderase adquirir unha selección variada de obxectos de coiro, cerámica, cristal, xoiería, cosmética natural, inciensos ou bisutería de deseño, entre outros exemplos. A localización cambia con respecto ao ano pasado, cando a feira medieval ocupou a dársena de Curuxeiras, e esta vez trasládase á área de Ferrol Vello. Os postos e as distintas propostas de amenización repartiranse entre as rúas San Francisco, Benito Vicetto, Carmen Curuxeiras e Rastro, así como chegarán á praza Vella e a alameda do Carbón.


Distintos grupos de música ambientarán o mercado ao longo das xornadas e a fantasía de retroceder no tempo complementarase coa “animación con teatro de zancos e títeres, o bufón vermello e personaxes coma duendes, faunos ou sabios”, especificou a concelleira de Turismo. Así mesmo, o Gran Dragón con lume ofrecerá un espectáculo diario para pechar a actividade na feira. “Temos, polo tanto, cinco días de festa e só podemos animar aos nosos veciños e convidar a toda a bisbarra a que veñan a disfrutar do mercado medieval de Ferrol”, conclúe Maica García.

 

Pregoeiro

A praza de Armas foi o primeiro punto dende o que un cómico personaxe do Medievo, que se presentou como Evaristof Malabaristof Equilibristof Contorsionistof En Paro, comezou a avisar da chegada dos mercaderes e dos artesáns á cidade. A nova partiu desta localización para continuar espallándose polo concello, coa intención de abarcar o máximo espazo e chegar á maior parte dos barrios.


Engalanado cun traxe da época, este protagonista fixo soar a súa pandeireta para chamar a atención dos viandantes que transitaban fronte ao Concello e ler, dun pergamino, o seu discurso de inauguración. “En esta noble villa, que muchos ya conocen, por estos pocos días, por sus calles adornadas se preparan vecinos y vecinas para tan hermosas jornadas”, recitou o pregoeiro do evento. 

O mercado medieval de Ferrol toma as rúas do casco antigo

Te puede interesar