Para o baterista Miguel Lamas –Ferrol, 1993– o seu novo proxecto, Ardora, é a culminación dun regreso, non físico, pois leva anos afincado fóra de Galicia, senón musical á tradición popular do seu berce. Este venres, ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón, mostrará o resultado de todos estes anos de aprendizaxe con cada un –e son moitísimos– dos músicos cos que ten traballado.
Para quen coñeza a súa traxectoria, que supón Ardora con respecto a outros proxectos anteriores?
Ardora é unha volta á raíz. Eu levo agora once anos vivindo fóra de Galicia, pero sempre estiven moi vinculado á música popular tradicional galega, á súa recollida, e foi unha cousa que sempre me emocionou pero que non puiden explorar persoalmente ata este último disco. Quixen voltar á terra, pero fusionándoo con todo o que fun facendo estes anos, con música de jazz, con música brasileira, música moderna en xeral... Ardora é, polo tanto, a confluencia de todos eses proxectos, de todas esas fusións que desembocan nisto que imos presentar o venres en Narón.
O seu camiño artístico bebe de moitas influencias. A ollada coa que volve agora á música tradicional é moi diferente da que tiña antes de marchar?
Ao final, do que me dou de conta é de que a música tradicional é a que máis me emociona. Despois de ter percorrido moitos quilómetros e moita música, de ter aprendido moitos estilos distintos e tocado por medio mundo, ao final do que me dei de conta é de que a música tradicional é a que me move a pataca. Por iso quixen volver a estes comezos, pero mesturándoo con todo o que fun aprendendo no camiño.
Leva máis dunha década fóra de Galicia, colaborando con artistas de éxito no panorama español e de sona internacional. Como está sendo este camiño? Pensaba que esta etapa ía ser tan frutífera?
A verdade é que nunca pensei niso; tratei de tomalo sempre como un xogo. Para min, dende o principio, tocar era o meu momento de desinhibición, o meu momento de pasalo ben. Sempre digo o mesmo e vai pasando o tempo, van pasando os anos, e segue a ser ese momento de ledicia, esa tranquilidade... Aínda que pareza que non, enfróntaste a públicos e audiencias moi grandes, con proxectos ou artistas tamén moi grandes, pero para min tocar segue sendo o meu momento de pasalo ben, de recreación persoal e de diversión. Entón si: estes anos fóra de Galicia foron, por sorte, moi frutíferos e puiden traballar con xente moi grande do mundo da música moderna, pop, como Dani Martín, Manuel Carrasco, Pablo Alborán, Malú... Puiden producir discos como o novo de Maldita Nerea que sae agora... Tiven moita sorte porque confiou en min xente moi importante, pero ademais tamén fun afortunado por poder facer a miña carreira en solitario como baterista-solista, traballar en festivais por todo o mundo respaldado por marcas internacionais... É unha ledicia absoluta.
Non ten preferencias sobre o estilo de música co que traballar? Dá a sensación de que iso das etiquetas non vai con vostede...
É así, totalmente. A música emocióname e dá igual o estilo que sexa: se está ben feita e ten corazón e alma, vaime gustar tocala e escoitala. Non fago diferenzas de estilos, nin distingo se un está ben e outro non... Non teño prexuízos de ningunha clase. Ademais, gústame descubrir música nova, explorala e estudala, porque é unha forma de seguir medrando e aprendendo, que para min é, desde logo, o máis bonito deste mundo.
Houbo algo que lle sorprendera de traballar con xente que ten esa sona internacional?
Si, si. Mira: son o batería de Dani Martín e con el tocamos todas as noites para un mínimo de 15.000 persoas. Pois ben, fóra do escenario falas con el e é unha persoa marabillosa, humilde e simpática. Pero iso pasa en xeral con case todos os artistas cos que me fun encontrando polo camiño, e iso é o máis guai porque dis: “Ostras, esta xente que ten unhas vidas tan espectaculares logo non se esquece de ser boas persoas, que é algo moi importante tamén nesta profesión. E iso é unha cousa que me gusta de todo isto e que sempre recalco: fóra do “star system” ou, como se di agora, dos focos segue a ser xente moi guai e moi humana.