Montse Mayoral: “Aquí, deberes e dereitos repártense por igual”

A socia fundadora de Pingota Comunicación fala sobre a súa experiencia
Montse Mayoral: “Aquí, deberes e dereitos repártense por igual”
Puri Ceballos, Montse Mayoral e Puri R. Calvo I Jorge Meis

Montse Mayoral é, con Puri R. Calvo e Puri Ceballos, socia de Pingota Comunicación, cooperativa que botou a andar en 2015. Asegura que este modelo de economía social “pode ser un camiño de emprendemento máis humano”, pois, subliña, “o feito de formar parte dun equipo no que todos membros teñen o mesmo compromiso axuda moito. O máis importante son as persoas”.


No seu caso, esta forma xurídica adaptábase aos seus obxectivos: “un traballo estable e dignamente remunerado, contribuíndo todas por igual nas responsabilidades e nos dereitos”. Mais nesa escolla tamén operaron razóns prácticas, explica Mayoral. “Permitíanos seguir no réxime xeral de cotización e ofrecíanos a posibilidade de contar co de-semprego xerado e non consumido, que no noso caso destinamos a custear parte das cotas da Seguridade Social”. 

 

A flexibilidade é unha das vantaxes e, ao mesmo tempo, razón da súa resistencia


Coa perspectiva de preto dunha década de camiño, a portavoz de Pingota apunta vantaxes e dificultades en comparación cunha empresa convencional. “A vantaxe é que responsabilidades e dereitos se reparten por igual, ademais da flexibilidade, que é a razón da súa resistencia”. Mayoral tira de datos: “Máis do 70% das empresas ‘normais’ non chegan a cumprir dez anos, mentres o 71% das cooperativas si”. 


No outro lado da balanza, o das dificultades, Mayoral afirma que “son as mesmas” e dependen da “capacidade de atopar oportunidades, de aproveitalas, da calidade do propio traballo e de ter unha carteira de clientes que valoren o que facemos”. Ademais, ás veces, engade, “os trámites para unha cooperativa poden resultar máis complexos, polo descoñecemento que pode haber, tamén por parte da Administración”. 

Montse Mayoral: “Aquí, deberes e dereitos repártense por igual”

Te puede interesar