A Asociación Galega de Escritores –AGER– vén de renovar a súa xunta directiva despois das votacións realizadas o xoves, que non rexistraron ningunha opinión en contra. Entre os dez autores galegos das catro provincias, catro pertencen á zona de Ferrolterra.
Os escritores e escritoras desta zona que integran a nova xunta directiva presentan unha maioría da comarca de Ferrol, comezando co posto de Teresa Cameselle na tesourería. No grupo das vogalías atópanse os autores Miguel Gacio, ferrolán, e Pablo Rañales, aresán. Por outro lado, a área do Eume tamén conta con representación grazas ao cargo que obtivo Eva Luna na secretaría.
Este equipo complétase cos coruñeses María Nieto e Rubén Pedreira; os vigueses Almudena Santamaría e Nuria Fernández, e a monfortina Andrea Micc. A nova xunta directiva renóvase despois de dous anos de andadura, nos que o colectivo organizou arredor de 50 actividades diferentes que se enfocaron á profesionalización e mellora do sector literario, sobre todo en relación á situación dos escritores e escritoras.
Os profesionais xa están a traballar nas liñas de actuación dos dous vindeiros anos, como a que atinxe á profesionalización da xestión da asociación, así como a dos seus asociados, axudándoos na formación. Tamén se pretende posicionar o colectivo como representativo do sector, aumentar a visibilidade, ademais de organizar e participar en proxectos de interese para o grupo.