O novo edificio sur do Complexo Hospitalario de Ferrol comeza a recibir departamentos

O novo edificio sur do Complexo Hospitalario de Ferrol comeza a recibir departamentos
A mudanza do almacén ao andar -1 do edificio sur estase a levar a cabo esta fin de semana I CEDIDA

O almacén de subministracións do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol estase a trasladar esta fin de semana desde o soto deste centro ata o andar -1 do novo edificio sur, que conta xa con módulos rematados nos que se empezan a instalar distintos departamentos. 


De feito, esta construción (que linda coa madeireira) é a que na actualidade alberga máis contido, posto que, segundo informan desde a Área Sanitaria de Ferrol (ASF), ten activas varias zonas do andar -2, claves para o funcionamento técnico do complexo. É o caso dos centros de transformación de enerxía, sistemas antiincendios, grupos electróxenos, sistemas de refrixeración, entrada de auga quente e fría e cadros de xerais de alta e baixa tensión, entre outros elementos.

 

 

Máis de 25.000 pedidos


Agora comeza a encherse tamén o nivel -1, comezando co traslado do almacén, que se espera completar o luns. Este servizo de subministración estrutúrase na sección de Compras e na de Almacén (esta última é a que se está a mudar de ubicación). O seu fin principal é a adquisición, compra e distribución de todos os produtos e equipos sanitarios que se consumen na Área.


Desde aí xestiónanse anulamente 25.600 pedidos a provedores, con 48.700 produtos en total. Son peticións que se realizan desde os andares de hospitalización, unidades, quirófanos, laboratorios ou centros de saúde. O servizo ten ademais implantado, desde o ano 2007, o Sistema de Xestión de Calidade conforme á norma ISO 9001:2008, polo que ten documentada toda a súa estrutura, función e actividade.

 

 

As novas urxencias


O avance das obras nos dous novos edificios que se constrúen (sur e leste, este último paralelo á rúa Irmandade de Doadores de Sangue) e os conseguintes traslados deixan espazo para novas demolicións e para que así poidan progresar ambas as dúas construccións, que acabarán uníndose e formando un ele. Arredor de dous terzos de cada un deles está á vista.


“Estanse a demoler xa a antiga Farmacia, o antigo servizo de Microbioloxía e as áreas do anterior servizo de Radiodiagnóstico, entre outras zonas máis pequenas”, comentan desde a ASF.  “Nunha das zonas de Radiodiagnóstico máis achegadas ao actual Hospital Arquitecto Marcide estase a traballar nunha nova área de preingreso de pacientes desde o servizo de Urxencias”, indican. Sería unha entrada para os pacientes que teñan indicado o ingreso no ámbito de hospitalización desde Urxencias, o que aliviará parte da ocupación dos espazos actuais nun servizo que é un dos máis tensionados e que queda pequeno para a demanda existente.


Este novo espazo sería outro fito para os pacientes, que comezaron a estrear novas zonas e, en consecuencia, a beneficiarse dos avances do Plan Director, coa posta en marcha, despois da Semana Santa, do novo servizo de Radiodiagnóstico. Construíuse empregando unha parte do actual Arquitecto Marcide e outra que se comunica co citado edificio sur. Este será empregado principalmente con fins administrativos, mentres que a ala leste destinarase a usos asistenciais.

 

Chuf visita conselleiro nueva area radiologia marcide foto meis
Visita do conselleiro de Sanidade ao novo servizo de Radioloxía, en marzo I JORGE MEIS

O novo edificio sur do Complexo Hospitalario de Ferrol comeza a recibir departamentos

Te puede interesar