Oitenta e oito veces Conde Corbal: os gravados da represión

A Casa da Cultura de Pontedeume acolle a exposición ata o 13 de maio
Oitenta e oito veces Conde Corbal: os gravados da represión
Unha das 88 obras que se poden ver na Casa da Cultura de Pontedeume

Hai preto de corenta anos, en 1987, o artista Xosé Conde Corbal expuxo, primeiro no Museo de Pontevedra e despois no do Pobo Galego, en Compostela, o “Fardel da Guerra”, un conxunto de 88 gravados que amosaban a represión que seguiu en Galicia á sublevación militar de 1936. Pasaran apenas seis anos da intentona de golpe de Estado de Tejero e, se cadra, apunta o escritor e investigador Juan Galán, ese episodio era aínda moi recente e a sensibilidade actual sobre a memoria histórica non estaba tan xeneralizada. Para unha obra, en fin, o contexto é determinante. 


Aquela inauguración foi, lembra Galán, “un absoluto fracaso”. Conde Corbal xa pasaba dos 50 anos e estaba ben relacionado e considerado no mundo da arte, e non só na “conservadora” Pontevedra –el procedía dunha familia relativamente acomodada–, mais a mostra non tivo a repercusión que, engade Galán, “merecía”. 


Foi co cambio de milenio cando a proxección de Conde Corbal, apunta o organizador da exposición, mudou, e para ben. A Deputación de Pontevedra rescatou aquel catálogo e, xa noutro momento histórico, coa primeira lei de memoria aprobada durante o primeiro mandato de Rodríguez Zapatero, a súa obra e, concretamente estes 88 gravados, se revelaron con outra luz que atraeu a atención, entre moitas outras persoas, de Juan Galán.

 

Forza expresiva

“A mostra vina en setembro pasado na casa-museo de Casares Quiroga na Coruña e sorprendeume a forza que ten, ese estilo expresionista e a maneira de representar os represaliados e tamén os represores”, explica. Non dubidou en contactar co Museo do Gravado de Ribeira, propietario da mostra, para traela a Ferrolterra. Ofrecéullela a Pontedeume e a Ferrol. A primeira aceptou e ata o 13 de maio móstrase na Casa da Cultura, de martes a domingo entre as 18.00 e as 20.00 horas. 

 

Conde corbal
Juan Galán, Enrique Conde, Bernardo Fernández e Fernando Ocampo, na presentación da mostra


Galán subliña as circunstancias especiais que rodean este ampla obra de Conde Corbal. “Primeiro, el non foi un represaliado e, de feito, era de familia conservador e entrou no eido da memoria histórica por diversos motivos”, di. Un deles, o contacto co republicano Osorio-Tafall, que vivía no seu mesmo edificio. Ademais, a comezos da guerra, cando non era máis ca un adolescente, puido poñerlle rostro á barbarie cando se atopou co cadáver dun asasinado nunha cuneta. “Iso marcouno, sen dúbida”, engade Galán, que non obvia outras influencias como o contacto con persoeiros coma Vicente Risco e autores antifranquistas da envergadura de Acisclo Manzano e Xaime Quessada. “A súa”, di, “foi unha concienciación paseniña”. 


Paseniña mais firme. Os gravados do Fardel da Memoria, concibidos e executados nun longo periodo (1936-1986) constitúen un exemplo extraordinario e abraiante sobre os meses e anos que seguiron ao golpe de Estado. Malia o seu binarismo –propio da técnica do gravado– as súas obras están inzadas de detalles. Juan Galán destaca especialmente un deles. “Non é tanto a expresión das facianas dos represaliados coma as dos propios represores”, di antes de explicarse. “Nestes, os trazos están un pouco máis deformados e eu creo, baseándome nas informacións facilitadas polo seu fillo Enrique, que o feito de que fose un gran lector de Valle-Inclán tivo unha grande influencia nesta maneira de representar. Se cadra, e esta é unha apreciación moi persoal, “esa deformación, ese esperpento que con tanta mestría cultivou Valle está reflectido nas caras dos represores”. 

Oitenta e oito veces Conde Corbal: os gravados da represión

Te puede interesar