Olegario Sotelo Blanco é un dos máis destacados mecenas e persoeiros da nosa cultura dos tempos recentes. Nunca se lle ha de agradecer o suficiente tanto como leva ideado, xestionado, axudado e promovido a prol da literatura galega, en particular, e das artes de noso, en xeral, no último medio século.
Recentemente vén de aparecer O neno pastor que venceu o lobo. Lembranzas dun galego emigrado en Cataluña, libro de memorias no que Sotelo Blanco dá conta da súa intensa e fascinante andaina vital, inzada de memorables episodios que en moitos casos son xa historia da nosa cultura e en non poucos vivencias case que novelescas.
Sotelo Blanco naceu en 1945 en Quintela de Mazaira, un lugar da parroquia do mesmo nome no Concello de Castro Caldelas. De pequeno foi pastor e viviu en casa humilde, veu morrer algunha irmá na infancia, como ardía a súa casa, loitou contra o lobo para defender o rabaño e andou, pouco, na escola. Foi, pois, un deses rapaciños que contemplou como Galicia pasaba do boi á tractor, do candil de carburo á electricidade e da radio con interferencias á televisión en branco e negro e UHF.
Pero ben cedo Sotelo Blanco decidiu probar fortuna e emigrou a Barcelona. Alí fixo de todo e foi camareiro, vendedor de seguros, de máquinas Singer e de cadros, tamén montador de muíños eléctricos de café, axudante de detective privado e fotógrafo, ata que deu co seu talento natural: a construción e promoción inmobiliaria, sector no que foi un dos máis importantes empresarios na Barcelona dos anos oitenta e noventa.
Mais o que distingue a Sotelo Blanco doutras xentes de éxito da nosa Galicia emigrante foi que el decidiu poñer o seu capital á disposición da cultura de Galicia. Para facer realidade ese soño procurou un espazo que estivese á altura do seu ideal e alugou a planta central da emblemática Casa Milá, máis coñecida como La Pedrera, monumental inmoble deseñado por Gaudí no céntrico Paseo de Gracia barcelonés. Alí abriu primeiro a Galería de Arte La Pedrera en 1981 e celebrou naquel enclave, durante varios anos, o Día das Letras Galegas con exposicións, venda de libros e conferencias de escritores como Manuel Casado Nieto, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xosé Filgueira Valverde, entre moitos outros.
Agora ben, o feito que se converteu en fito histórico foi a fundación en marzo de 1980 de Sotelo Blanco Edicións nese mesmo edificio de La Pedrera de Gaudí. Dende aquela e ata ben entrados os anos dous mil, aquel rapaz de Quintela de Mazaira publicou algúns dos títulos máis celebrados da literatura galega do noso tempo, facilitou a creación de coleccións míticas como Leliadoura, en poesía, Medusa, en narrativa, ou A Biblioteca do Arlequín, en teatro, e aínda acubillou a creación da revista A Trabe de Ouro, un dos buques insignia do noso ensaísmo.
De Barcelona Sotelo Blanco Edicións trasladou a súa sede a Compostela en xuño de 1988 e, dende un icónico edificio de San Marcos deseñado por Pedro del Llano, contribuíu a que as letras galegas chegasen ata onde hoxe están, dando á luz clásicos como Scórpio de Ricardo Carvalho Calero, poemarios de moitas das mellores voces da Xeración dos 80, o tan consultado Dicionário da lingua galega de Isaac Alonso Estravís ou as primeiras traducións de Paul Auster, Joseph Roth e de outros moitos autores de renome internacional.
Nese laborar de lustros Sotelo Blanco contou co mellor dos equipos. Quen isto escribe tivo a fortuna de colaborar coa editora dende hai trinta anos e pode dar fe do moito que fixeron por ela os seus sobriños Fabiola e Bautista, tamén o lingüista e editor técnico Xavier Vázquez e mais a directora de Administración Chelo Carreira, por suposto o Director de Edicións Carlos Lema nos primeiros tempos e tamén Xurxo Bértola e, dende os inicios e por sempre, a infatigable Mari Carmen Romero, con quen a uniu unha moi especial relación e que foi, en moitos sentidos, a súa fidelísima compañeira en mil e unha angueiras, amais da autora do sentido e ben cómplice limiar deste libro.
Fáganme caso e non deixen de ler O neno pastor que venceu o lobo. Lembranzas dun galego emigrado en Catalunya, publicado pola Fundación Sotelo Blanco. Nas súas páxinas, cheas de fotografías ata hoxe inéditas, descubrirán non só ao heroico pastor de Quintela que logo foi relevante empresario en Barcelona, ao director dunha das nosas editoriais máis senlleiras e figura fundamental da cultura de noso nas últimas décadas, senón tamén a un fino pensador que reflexiona luminosamente sobre o despoboamento do rural, que fala con valentía sobre as feras enfermidades que superou, que fai reconto dos amigos, coñecidos e saudados, que relata a súa propia pandemia e que, co álbum da familia no retrovisor, sabe que tamén el ten de levar o país ao lombo e ser consciente de que a nosa andaina se fai, tantas veces, coa vida nunha maleta. Por todo iso, e por moito máis, vaia dende aquí, benquerido Olegario, editor de meu, o máis expresivo e agradecido dos saúdos. A Terra precisa de moitos bos e xenerosos coma ti.