Pautas contra a obesidade no hall do Arquitecto Marcide

Profesionais da oficina Regaps en Ferrol e unha nutricionista ofreceron pautas durante a mañá no hospital
Pautas contra a obesidade no hall do Arquitecto Marcide
Mesa obesidad 2

Unha Mesa informativa recordaba esta mañá o Día Mundial da Obesidade en dependencias do hospital Arquitecto Marcide.  As integrantes da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) en Ferrol, a terapeuta ocupacional Sofía Puente, e a traballadora social Cruz Fernández; xunto coa nutricionista da Área, Lucía García Bugallo, estiveron no acceso principal do centro hospitalario informando sobre as distintas ferramentas coas que conta a Consellería de Sanidade para gañar en saúde e hábitos saudables e loitar contra a obesidade. 

 

Algunhas das cuestións que abordaban, precisamente, eran en relación ó Plan de Obesidade Zero en Galicia, da plataforma Sanidade Mediaverso ou de Xanela Aberta á Familia, unha canle de información que nace para asesorar a pais e nais na crianza de nenos e nenas de todas as idades, e na procura do benestar de toda a familia. 

 

 

O Plan Obesidade Zero 

 

O Plan Obesidade Zero é o resultado do consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais para a prevención do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, cun prazo de execución dende o pasado ano 2022 ó ano 2030. Pártese de que o 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas

 

Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. Estas cifras dan conta de que a metade da poboación galega ten algún problema de obesidade ou de sobrepeso coa incidencia que esta patoloxía ten na saúde, xa que "son factores de risco para enfermidades crónicas e algúns tipos de cancro", subliñan. O Plan céntrase nunha meta: reducir con distintas medidas a prevaleza do sobrepeso en Galicia progresivamente, un 5% no 2025, e ata un 15% no 2030. 

 

Este plan ten tres eixos, con 11 obxectivos e 41 accións para chegar a esa meta. O primeiro dos eixos é potenciar as contornas promotoras da saúde en tódolos ámbitos, sanitario, laboral, escolar e social. O segundo dos eixos é capacitar na toma de decisión máis saudables, e isto é, explican, favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; capacitar no ámbito sanitario e educativo; e formar a outros colectivos profesionais relacionados. O terceiro e último dos eixos é investigar e innovar na promoción de saúde, desenvolvendo a rede de investigación en promoción da saúde, innovando continuamente e desenvolvendo un sistema de vixilancia para o sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco. 

 

 

 

Plataforma Sanidade Mediaverso 

 

Na mesa desta mañá, estas profesionais invitaron a se mergullar nun mediaverso de contidos e experiencias para a promoción da saúde aglutinados nun só espazo e que abordan catro grandes eixos: alimentación saudable, actividade física, benestar emocional e condutas aditivas. Promóvese a saúde a través das novas tecnoloxías, e ponse a disposición da cidadanía solucións prácticas e recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, dun xeito integral, e para tódalas idades. 

 

Nos paneis informativos, tiñan xa as aplicacións cos seus códigos QR para acceder a moitos destes contidos. Por exemplo, ofrece menús equilibrados para oito semanas, e no que tamén se achegará a lista da compra necesaria, e as receitas para elaborar cadanseu menú; aplicacións móbiles activAR-t e Camiña; vídeos con exercicios para realizar de xeito individual ou coa familia; a aplicación de realidade virtual EnMovemento; un diario do sono; ademais de cursos formativos e vídeos divulgativos con consellos sobre a práctica do exercicio físico. 

 

No eido do benestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono, achega diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estres, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada. Por último, sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo, inclúe unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde. 

 

Mesa obesidad 2
As profesionais informando do uso das ferramentas existentes dentro do programa Obesidade Cero

 

 

Por último, Lucía Garcá Bugallo é unha das nutricionistas que se sumou á Area Sanitaria de Ferrol neste mes, desenvolve o seu traballo en Pontedeume, Ortigueira e As Pontes; e esta mañá desprazábase ó corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide para particpar xunto con Regaps nesta mesa que aborda os hábitos para loitar contra a obesidade. Esta profesional contaba na mesa con infografías do "prato saudable", co que amosaba o mellor xeito de comer, xa que "a alimentación saudable forma parte tanto do tratamento como da prevención da obesidade", enfermidade á que se dedicaba o día de onte. 

 

Este prato indica as cantidades de grupos de alimentos que se deben incluír no mesmo: a metade de verduras, hortalizas e froitas; un cuarto destinado a proteínas vexetais e animais; e outro cuarto do prato a cereais integrais e tubérculos. 

 

 

Regaps na Área Sanitaria de Ferrol

 

Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol particpa activamente na Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps), que é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se crea a raíz dese Plan Obesidade Zero en Galicia, coa fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación. 

 

Está formada por un equipo de traballo multidisciplinar cuxa unidade de coordinación se sitúa na Consellería de Sanidade (tres médicos especialistas en Medicina Preventiva e unha diestista-nutricionista), e conta cun equipo de responsables que se distribúe polas 7 áreas sanitarias para promover iniciativas de promoción da saúde en Galicia. As profesionais da Mesa de hoxe, realizan diferentes tarefas todo o ano en relación con isto

Pautas contra a obesidade no hall do Arquitecto Marcide

Te puede interesar