A sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá a estrea internacional do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo Andión, que rexistra a historia dunha mariscadora da ría de Ferrol que foi enxuizada por adulterio. A dez días deste acontecemento, xa está dispoñible o tráiler en plataformas dixitais.
Esta peza cinematográfica recupera arquivos locais co obxectivo de visibilizar a liberdade afectivo-sexual das mulleres na ditadura. Foi nesta época, concretamente en 1972, cando Sagrario Ribela Fra, con 33 anos, foi absolta polo Tribunal Eclesiástico compostelán.
A través da historia desta mariscadora, a película toca temas coma o desexo, a desobediencia e a clase social, nunha atmosfera opresiva de ditadura e transición. Trátase de cuestións que atinxen ao xénero e, precisamente, será tres días antes ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro, cando chegue ás salas de cine.
Margarita Ledo Andión dirixe o filme e tamén encargouse do guión, xunto a Eva Veiga. A fotografía foi responsabilidade de Alberte Branco AEC, a música de Carme Rodríguez, a montaxe de Clara G. Nieto e a documentación de María Soliña Barreiro, entre outros creativos.
En canto ao equipo artístico, Mónica Caamaño, Melania Cruz e Iria Pinheiro encabezan o cartel, coa colaboración especial de Mónica de Nut e Zé Paredes. “Prefiro condenarme” vén da man de Nós Productora Cinematográfica Galega.