Pepe Cunha e Carme da Pontragha falan de música popular nas Xornadas Culturais da EOI

Os departamentos de galego e italiano propoñen este mesmo mércores actividades de todo tipo abertas ao público
Pepe Cunha e Carme da Pontragha falan de música popular nas Xornadas Culturais da EOI
O departamento de portugués ofreceu un obradoiro de capoeira o luns | JORGE MEIS

A Escola Oficial de Idiomas –EOI– de Ferrol, que estreou o luns as Xornadas Culturais coas propostas dos departamentos de español e portugués, chega ao ecuador desta iniciativa. Hoxe mércores a quenda é para as seccións de italiano e de galego, que propoñen citas variadas abertas ao público como cine, concerto ou charla-obradoiro.


A primeira actividade do día, ás 11.00 horas no salón de actos, corresponde á ponencia “Manuale della canzone Vol.2”, a cargo de Simone Negrin. Pola tarde, ás 16.30 horas, haberá dúas propostas simultáneas. Por un lado, o departamento de italiano proxectará na aula 17 a película sobre a cantante Mia Martini “Io sono Mia”.


Ao mesmo tempo, Pepe Cunha, de Ábrete de Orellas, comezará na biblioteca o coloquio “Un repaso á historia da música popular en galego. Dos pioneiros anos 60 á vizosa escena actual”. Neste encontro, realizarase un repaso ás figuras que abriron camiño ás referencias actuais que, ao estar no foco mediático, ampliaron o alcance das músicas cantadas en galego.


Despois, ás 18.00 horas na cafetaría, Carme da Pontragha, integrante das Pandereteiras Bouba, ocuparase da charla-coloquio “Arqueoloxía patrimonial: é a música popular un fósil?”. Nesta ocasión, focalizarase nas formas de interpretación e de transmisión da música e o baile. Nestas propostas do departamento de galego, sortearase un lote de discos entre os asistentes e unha cesta de produtos internacionais.


Antes de que a sección de inglés peche mañá xoves as Xornadas Culturais, ás 19.30 horas deste mesmo mércores, o salón de actos acollerá o concerto “Grandi successi della musica italiana e napoletana”, con Checco Ontani, Martino Lo Russo e Marco Braciola. 

Pepe Cunha e Carme da Pontragha falan de música popular nas Xornadas Culturais da EOI

Te puede interesar