A Poesía Salvaxe recupera o apoio do Concello na décimo sexta edición

Celebrarase do 25 ao 27 de abril
A Poesía Salvaxe recupera o apoio do Concello na décimo sexta edición
Karlotti, na edición de 2021 I Jorge Meis

Logo duns anos de dificultades e pouca sintonía, a Semana de Poesía Salvaxe recuperará na súa décimo sexta edición, a que se vai celebrar do 25 ao 27 de abril, o apoio económico do Concello de Ferrol, un respaldo “esencial”, explica un dos seus impulsores, Karlotti, que desde o nacemento lle fora permitindo manter unha relación coa sociedade “máis honesta e digna”, sen dependencia de patrocinadores privados.
Foron, comenta o poeta, anos duros que levaron á organización a pensar mesmo en pórlle o punto final, mais o apoio das entidades e persoas a título individual que pularon por que iso non sucedera posibilitaron a continuidade “deste formato alternativo e underground, sen dependencias”. 


A nova edición manterase nas mesmas coordenadas, tamén espaciais, como o mercado de Recimil, o centro cívico de Canido, o centro social de Artábria ou o Ateneo, entre outros, “que co tempo pasaron a ser parte da Poesía Salvaxe”. Tamén o paseo en lancha pola ría. O cartel presentarase nos vindeiros días, pero xa está confirmada a presenza de Quico Cadaval ou Juan Carlos Mestre. 

 

Karlotti:  “Os proxectos que xorden da base son os que lle dan personalidade á cidade”

Karlotti expresou a súa gratitude á área de Cultura por un apoio que, dixo, “tiña que ter sido sempre a norma”. Nesa liña, destaca o “trato de consideración e mesmo de simpatía” por parte do edil e, sobre todo, “un respecto que debe terse a todos os proxectos que xorden da base, que son os máis importantes para unha cidade, os que lle dan personalidade”.


O coordinador lembra que nesta iniciativa “o feito, os e as poetas, son o importante” e recalca especialmente a implicación dos participantes, “sobre todo cando desapareceu o apoio do Concello. Houbo varios intentos de deixalo, pero non o permitiron. Moitas entidades  e moitas persoas nos animaron sempre a seguir”. 


Arredor de vinte poetas participarán no décimo sexto aniversario da Poesía Salvaxe, da que Karlotti destaca “que nestes anos fixemos unha colleita de amizades e relacións fraternais e solidarias moi potentes. Por aquí pasaron uns 160 poetas, pero non é que pasaran, senón que crearon lazos moi fortes entre eles e permitiron o nacemento de proxectos conxuntos. É o noso maior orgullo”, di

 

A Poesía Salvaxe recupera o apoio do Concello na décimo sexta edición

Te puede interesar