A Comisión Interuniversitaria Galega –CIUG– realizou este martes o primeiro chamamento para anotarse nas titulacións de grao e dobres graos, cuxa matrícula xa pode formalizarse dende hoxe ás 00.01 horas. No Campus ferrolán, adscrito á UDC, existen un total de 14 destas formacións.
As tres universidades públicas galegas presentan os mesmos períodos para apuntarse en calquera delas. No caso de ser convocado a matrícula na titulación preferente escollida, o alumnado dispón de prazo para a súa formalización dende este mércores, ás 00.01 horas, até o xoves, ás 23.59 horas. Pola contra, se o solicitante foi convocado nun título que non é a súa primeira preferencia, poderá esperar a matricularse nos seguintes prazos, mentres que non se peche o proceso nas formacións con prioridade.
Se este é o caso, o estudante deberá reconfirmar na plataforma Nerta que desexa permanecer na “Listaxe de Agarda”. Así pois, os interesados poden continuar nesta relación das titulacións “Pechadas” nas que indicou, nos sucesivos chamamentos, o seu interese en permanecer en espera, por se existen anulacións.
As matrículas só se poden formalizar se a persoa ten unha cualificación igual ou superior á da última convocada en cada título. As notas mínimas inferiores, as de 5 puntos, para o acceso en Ferrol corresponden aos graos en Enxeñarías Electrónica Industrial e Automática; Naval e Oceánica, e Relacións Laborais e Recursos Humanos.
No outro extremo están os graos en Enfermaría, con 11,202 puntos; a dobre titulación en Enxeñaría Mecánica e Naval e Oceánica, con 11,175, e Relacións Internacionais, con 10,804. Ademais destas seis formacións, no medio exiten oito máis, que se reparten polos distintos centros do Campus Industrial de Ferrol.