O profesor Pedro Gil Manso será o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía

A ampla traxectoria do profesional nos eidos que se imparten no centro avala a toma de posesión
O profesor Pedro Gil Manso será o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía
Os implicados no acto da toma de posesión foron Pedro Gil, Marta García, Ricardo Cao e Ana Sánchez | CEDIDA

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol conta cun novo decano dende o venres, cando o docente do centro Pedro Gil Manso firmou o documento que certifica a toma de posesión. Este acto tivo lugar na Reitoría da Universidade da Coruña, presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao.


En representación desta área universitaria, tamén acudiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, acompañada da secretaria Xeral, Marta García, e a vicerreitora de Profesorado, Teresa López. Ademais, a toma de posesión foi dobre, dado que tamén asinou coma decana Ana Sánchez Bello, neste caso da Facultade de Ciencias da Educación da Coruña.

 

Percorrido

Tanto a traxectoria académica  como a profesional de Pedro Gil Manso está  estreitamente ligada ao centro do que se responsabiliza, xa que foi nesa mesma facultade onde comezou os seus estudos de Enfermaría no ano 1996. Neste espazo tamén foi membro da primeira promoción da Diplomatura en Podoloxía, entre os anos 1998 e 2001.


Apenas un mes despois de conseguir o título, estreouse como profesor axudante. Despois, ampliou a súa formación coa licenciatura en Podoloxía polo Instituto Politécnico de Saúde do Norte Cespu, en Portugal. No ano 2011, rematou os estudos de Enfermaría en Lugo e especializouse en pé diabético nas Universidades de Barcelona e Extremadura. Xa na clínica universitaria que alberga a facultade ferrolá, comezou a impartir clases. Gil Manso combina a docencia e a investigación, posto que forma parte do grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais –Proterm–, así como da Sociedad Gallega de Heridas.


Outras experiencias do novo decano teñen relación con cargos de xestión. O profesor leva preto dunha vintena de anos realizando tarefas de subdirector e foi vicedecano durante as últimas seis anualidades.
“Empezo esta nova etapa con moita ilusión, pero co primeiro reto de manter o alto listón que deixan os meus predecesores, e de manter a calidade dunha xestión centrada no estudantado e conseguir que se convertan nos mellores profesionais sanitarios e cidadáns que a sociedade da que formamos parte, e á que nos debemos, se merece”, manifestou Pedro Gil Manso, que tamén agradeceu a experiencia e ilusión do equipo que o rodea.

O profesor Pedro Gil Manso será o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía

Te puede interesar