O grupo de usuarios do Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol puxeron en práctica habilidades para o seu día a día no Circo Social no centro veciñal de Canido, en Ferrol, durante este primeiro semestre do ano. Estas novedosas sesións de Circo Social realizáronse durante xornadas de dúas horas os venres, e este sábado rematan co traslado dos e das participantes a un ámbito circense real en Santiago de Compostela, Circo Nove, onde farán un “balance do aprendido e como se pode trasladar iso ó día a día en tódolos ámbitos da vida”, indican.
Como explica a terapeuta ocupacional da Área ferrolá, Nuria García Gonzalo, desenvolveron esta acción incluíndo os cinco aspectos clave a traballar no propio concepto de Circo como acrónimo: Comunicación, Innovación, Resiliencia, Creatividade e Oportunidade. Trátase de aplicar as técnicas dunha disciplina concreta, neste caso ó circo, á vida persoal e á participación da vida diaria das e dos usuarios do Hospital de Día de Psiquiatría.
O circo é un fenómeno artístico que forma parte das artes escénicas, e que co paso do tempo ten ido adquirindo diferentes características en canto ó seu formato e axustándose ás peculiaridades de cada época. Ademais de traballar variedade de aspectos físicos e mentais como a forza, a flexibilidade e o autocoñecemento, brinda a oportunidade para que cada participante fortaleza as súas habilidades comunicativas e actitudes na súa formación persoal. Isto permite que cada persoa tome unha posición crítica ante situacións que se poidan presentar, e xera igualmente un espazo para o fortalecemento en valores.
Todos estes beneficios do circo son os que se aproveitan dende o Hospital de Día de Psiquiatría, e onte remataron as sesións nas que traballaron con distintas modalidades da disciplina circense: Equilibrio, malabares, as acrobacias, os aéreos e os clown/splapstick. Este especial Circo Social é posible coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido en Ferrol e a Fundación Enki, unha organización sen ánimo de lucro, co propósito de amosar, a través do deporte e o ocio, que a inclusión fai máis feliz á sociedade, e que coordina nesta ocasión a terapeuta ocupacional e experta en estas técnicas, Jessica Martin, que coñece o Hospital de Día ferrolán xa que estivo formándose nel.
Subliñaban ó inicio desta actividade que “co circo canalizamos as emocións; aprendemos a confiar e a que confíen en nós; e a recoñecer os apoios externos. Ademais, danos unha oportunidade de desenvolver unha habilidade que teñamos”, e, á espera dunha más fonda análise da actividade, os obxectivos da actividade están acadados, explican os organizadores.
Onte chegou ao seu fin o III Congreso de Formación Especializada que daba comezo o pasado venres nos hospitais do CHUF. Nas últimas sesións de onte, no faltaron os foros e mesas redondas, pero tamén as risas e a música. Asimesmo, tiveron lugar numerosas comunicacións coas conclusións que os diferentes profesionais foron sacando. Na sesión de onte tamén tomaron parte Jorge Lema Bartolomé, xefe de estudos na xerencia integrada de Cuenca, autor do espazo “La mirilla del médico de Familia”; e Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, quen protagonizou a conferencia de clausura sobre a humanización da docencia.