A incorporación das novas camas e mesas de noite con atril ó Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol remata hoxe coa incorporación das últimas 21 camas e 58 mesas que chegaban esta mañá ó Hospital Arquitecto Marcide, rematando así a distribución deste novo equipamento antes do previsto grazas á colaboración dos e das profesionais do Complexo. Son un total de 249 camas eléctricas e 154 mesas de noite con atril.
A Área Sanitaria de Ferrol traballou dous anos na licitación deste expediente "MA-SER2-24-002", en colaboración co Servizo Galego de Saúde. Licitouse un acordo marco con dous lotes, e a Área Sanitaria de Ferrol estaba implicada no Lote 2 referido a camas hospitalización xeral con ancho especial.
O importe total de adxudicación con IVE engadido son máis de 700.000 euros. O das camas ascende a 616.138,05 (prezo unitario de 2.045+IVA); e o das mesas de noite a 99.691.9 ( 535€+IVA, unidade).
O cambio tanto destas camas como das mesas de noite con atril produciuse de xeito progresivo. Así, o pasado 15 de outubro comezaba a chegada das camas , que se distribuiron polo terceiro andar esquerdo, correspondente con Uroloxía. Despois, cambiáronse tamén as do cuarto andar esquerdo, de Cirurxía, e o quinto, sexto e sétimo esquerda, de Medicina Interna, e algunha nas áreas de Observación no servizo de Urxencias e en Diálise.
Deste xeito distribuíronse tanto en Servizos do Hospital Arquitecto Marcide (213 camas) como do Hospital Naval (36 delas, no segundo e terceiro andar) do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Por outra banda, o pasado xoves 31 de outubro chegaban as primeiras 56 mesas, e hoxe as 58 últimas, das 154 totais que se van colocar e que se distribuíron entre os andares cuarto, sexto e sétimo. Nos outros andares, terceiro e quinto, xa tiñan mesas actualizadas, como indican desde a Xerencia.
Con todo, subliñan que, ó longo destes últimos anos, a Área Sanitaria "foi adquirindo camas e mesas de noite que se requirían mentres se tramitaba este expediente centralizado". Así, concretamente, dende o ano 2018, incorporáronse a distintos Servizos 79 camas novas entre elas, 24 hidráulicas, e 77 mesas de noite.
Esta nova incorporación supón a renovación de máis da metade das camas instaladas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Dende a Área Sanitaria de Ferrol, quérese reiterar "o agradecemento polo esforzo dos e das implicadas na realización deste cambio de envergadura no día a día asistencial", afirman desde o CHUF.