Reportaxe: “Esta mostra céntrase menos nos barcos e máis nas persoas que traballaron na Pysbe”

A responsable do Arquivo da Autoridade Portuaria, Susana Menéndez, descobre os segredos da nova exposición
Reportaxe: “Esta mostra céntrase menos nos barcos e máis nas persoas que traballaron na Pysbe”
Un momento da inauguración, onte I Cedida

Durante practicamente trinta anos funcionou no porto de Ferrol unha industria que, malia o paso dos anos –máis de medio século desde o seu peche–, segue a estar presente non só na memoria dos traballadores e traballadoras e dos seus descendentes, senón tamén dun barrio que no ano 2022 decidiu que era o momento de avivala.


“Ventos de bacallau. Pysbe. de Ferrol a Terranova” é o título destas terceiras xornadas coas que os seus promotores, a Asociación de Veciños de Ferrol Vello e a Autoridade Portuaria, seguen a achaiar o terreo para a creación dun Museo das xentes do mar. 


A realidade, como se pode apreciar na mostra que desde onte pode visitarse na Sala Curuxeiras (“A industria do bacallau no porto de Ferrol. Pysbe e Pebsa”), é que hai material abondo e iniciativas coma a que principiou onte así o testemuñan.


Susana Menéndez, responsable do arquivo do organismo portuario, é parte fundamental na reconstrución desta historia que, cre, debe ampliarse a outras industrias. “O porto ten un expediente da concesión de Pysbe e doutras industrias. Cando vas aos arquivos ou bibliotecas atopas documentos da factoría, pero o bonito é cando buscas fotos das persoas”. 


Menéndez explica que a primeira mostra foi un acicate. “Non tiñamos moitas fotos. O obxectivo era saír, pero moitas das persoas que viñeron ofreceron o seu material, da súa familia; mesmo a do director, Manuel Iñarra...”. Dese xeito, nos paneis desta mostra “hai moito material que non se vira nunca porque estaba nos álbumes familiares: mulleres traballando, a construción da factoría, a vida nos barcos... E logo a xente tamén garda outras cousas: o mandil da súa nai, coitelos que facían eles mesmos nos barcos...”, sinala Menéndez.


O resultado é unha exposición con moito material inédito e cun cambio de foque: “saen menos os barcos e céntrase máis nas persoas”. E, ademais, contén moitas curiosidades, como a cinta dun “lepanto” dun dos buques da Pysbe, o “Galerna”, cando se armaron para a flota vasca tralo estourido da Guerra Civil, lembra a directora do arquivo, ou billetes que conservan as familias dos mariñeiros enrolados, que os utilizaban cando baixaban a terra en Saint-Pierre-et-Michelon. “Temos billetes orixinais, marabillosos e únicos. Hai que lembrar que neste arquipélago tiveron francos propios durante vinte anos”, di Menéndez. 


Hai, pois, unha historia mariñeira e portuaria aínda por descubrir. “É unha das débedas de Ferrol: contar a súa historia industrial”, apunta antes de enumerar: Hispania, fábrica de xeo, depósitos de sal, Campsa... “Hai moitísimo que contar aí”, remata a arquiveira. 

Reportaxe: “Esta mostra céntrase menos nos barcos e máis nas persoas que traballaron na Pysbe”

Te puede interesar