“Continueixon” é a segunda parte da “Celebreixon” polos 30 anos que leva en escena Roberto Vilar, unha peza coa que volverá ao Auditorio de Ferrol o sábado, ás 20.30. En ambos focaliza na comedia, non só na forma senón tamén no contido, ao tratar no primeiro a súa relación coa familia e no segundo, a importancia do lugar onde se nace. As entradas pódense adquirir dende a súa páxina web robertovilar.com.
Despois de tantas xiras, como enfrontas cada espectáculo?
Terrible, é peor cada día. Isto é como os fillos, que cada ano que pasa peor: máis nervioso que nunca, máis responsabilidade, máis preocupación. Pasa que o que non sabe doutra cousa, pois hai que fastidiarse e facer iso. Pásase fatal pero despois compensa todo enriba do escenario: o cariño do público e como se ri.
Para quen fora a verte, en que se distinguen os dous “capítulos”?
Non quero contar moito, pero o que podo dicir é que na estrea en Viveiro, veu moita xente que fora ver o anterior e eu tiña gana de saber que pensaban. Déronse conta de que era completamente distinto, pero gustoulles moito tamén e iso foi o que me deixou contento. Creo que se riron igual que no “Celebreixon”, que era o reto máis difícil.
A música é un dos trazos comúns. Que máis comparten?
Polo que vin en Viveiro, acabeino convertindo nun pequeno Land Rover, porque hai música, sketch, monólogo, show co público... Isto si que é algo que non había no “Celebreixon”, agora o público forma parte, aínda co peligroso que isto é.
Por que facer unha “Continueixon” da “Celebreixon”?
Foi tan bonito, sentir o público no teatro tan cerca, cando acaba a función poder falar con eles e facer o que che dá a gana. Porque na televisión non fas o que queres nunca porque hai tanta xente, un sitio tan grande, tan complicado todo... Pero o teatro permíteche facer exactamente o que ti queres e como queres, porque é un espazo máis pequeniño e máis fácil de manexar.
No anterior apareceu Eva Iglesias por sorpresa. Hai algunha aparición preparada para esta vez?
Hai unha sorpresa pero é máis gorda aínda. O de que pase algo que non está anunciado xa forma parte da miña marca, entón en Ferrol, vai pasar algo, está claro. Así que se o ano pasado saíu Eva Iglesias, esta vez como se aparece Isabel Pantoja, imaxínate.
Pode ser que esta serie continúe?
Seguramente, non sei como nin cando. Supoño que lle pasará a todos os artistas e cómicos: unha vez que subes ao teatro é moi difícil baixarte porque é moi bonito e gratificante. Entón, se houbo “Celebreixon”, agora “Continueixon” e igual, non sei, pode ser que haxa “Finaliceixon”.