Roberto Vilar | “Eu teño unha relación particular con Ferrol que pouca xente sabe”

O polifacético presentador do “Land Rober Tunai Show” da TVG presenta este sábado no Auditorio de Ferrol un espectáculo inédito para o artista, co que celebra os seus 30 anos
Roberto Vilar | “Eu teño unha relación particular con Ferrol que pouca xente sabe”
Neste espectáculo, Vilar céntrase no humor, aínda que non esquece a emoción de celebrar todo o seu percorrido | CEDIDA

O humorista, actor e presentador Roberto Vilar regresa á cidade este sábado para presentar o seu último espectáculo, “Celebreixon”, no Auditorio de Ferrol ás 20.30 horas. As entradas pódense mercar accedendo á súa páxina web.

 

Ten ganas de voltar a Ferrol?
Pois si, porque eu teño unha relación moi especial con Ferrol que pouca xente sabe. Cando era chaval, meu primo Maíto xogaba no OAR Ferrol e meu tío levábame case todas as fines de semana a velo. De feito, eu cheguei a xogar unha pretempada co OAR Ferrol de cadetes, cando debía ter quince anos ou por aí. Téñolle moito cariño á cidade porque o pasei moi ben alí, aínda que é verdade que xa hai tempo que non vou, gardo moi bos recordos da miña  adolescencia.

 

Por que o nome de “Celebreixon”?
Cumplo 30 anos na profesión de cómico, pintando a mona. Entón, é unha celebración. Precisamente por iso quero que en cada sitio sexa algo especial e quería que Eva Iglesias estivera nalgunha das funcións. Cadrando as datas con ela, coincidiu que fora en Ferrol, así que vai ser moi emotivo. Noutras actuacións estiven con Víctor Fábregas, Luis Tosar e Xabier Díaz, por exemplo. Vou compartindo con amigos esta celebración dos 30 anos.

 

Onde encadra este “show”?
Luis Tosar dixo que nunca vira nada igual. Tamén dixo que era do mellor que vira na súa vida pero penso que o dixo porque me ten moito cariño. Eu tampouco vin nada igual no teatro. Está entre o entre monólogo, o musical e os “sketches”. Somos 25 persoas na compañía e pasan moitísimas cousas. Intentei meter os 150 mellores “gags” ou chistes que fun acumulando nestes anos. De todas formas, o mellor para ir ao espectáculo é non saber o que hai porque che sorprende todo.

 

Cómo xurde a idea de facer un espectáculo coma este?
Como tiña ganas de celebrar os 30 anos, a mellor maneira era facelo co público. E como tes maior contacto coa xente é nos teatros, porque na televisión tamén hai, pero é máis complicado coas cámaras polo medio. E está sendo súper emotivo, porque aínda que é un espectáculo no que te ríes moito, porque sobre todo é de comedia, tamén hai moitos momentos para a emoción.


Que lle satisfai máis, teatro ou televisión?
Desfrútoo todo. No teatro si que tes máis cercanía co público porque non hai medios técnicos de por medio. Si que é certo que é a primeira vez que fago unha xira de teatro nestas condicións e entón, para min está sendo moi emocionante, porque están todas as salas cheas. É moi bonito ver a todo o mundo de pé, aplaudindo e sentindo como se emocionan. Recibes moitísimo cariño porque é xente que fixo o esforzo de ir ao teatro un sábado e é marabilloso.

 

Onde leva esta xira?
Comezou en xaneiro en Lugo e percorremos toda a comunidade. Este sábado imos a Ferrol, o día 28 deste mes á Coruña e en maio rematamos a xira por Galicia en Cangas. Despois, seguramente vaiamos a Madrid e algún outro sitio de España.


A que público se dirixe o evento?
Unha das cousas que nos saíu ben foi que fixemos un espectáculo para todos os públicos. Poden ir desde nenos pequenos ata xente de trescentos cincuenta anos. Non hai límite nin para arriba nin para abaixo, é un espectáculo branco co que se pode ir con toda a familia. Outra cousa é que hai unha especie de homenaxe á comedia e ao humor galego, así que para a xente que lle gusta rir, este é o sitio.

 

Despois destes trinta anos de traxectoria, que é o próximo?
Pois moitas cousas. A verdade é que este espectáculo está abríndome a mente para levar a cabo moitas outras ideas. Pero ao final, o que máis me gusta é facer cousas, por exemplo, como o que vai pasar o sábado en Ferrol. Estou seguro de que cando saia Eva Iglesias ao escenario a xente vaise conmover con ela e iso para min é un triunfo enorme. Que a partir dun programa que fun creando pouco a pouco cun gran equipo, apareza xente como Eva e que o país a queira tanto é do máis emocionante. Oxalá podamos seguir sacando xente nova que siga gozando do cariño do público, que ao final ese é o obxectivo de todo esto. 

Roberto Vilar | “Eu teño unha relación particular con Ferrol que pouca xente sabe”

Te puede interesar