Cándido Pazó recibiu en xullo o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da Mostra de Teatro de Ribadavia e vén de ser recoñecido pola Xunta co Premio da Cultura Galega 2014 no apartado de Artes Escénicas. Corredor de fondo, recolle agora o sementado durante décadas de dedicación como actor e tamén como escritor e director mentres continúa traballando. Mañá mesmo estará no Pazo da Cultura de Narón, con Celso Sanmartín e Carlos Blanco, nunha nova “Noite de retranca” (ás oito da tarde, con entradas a 16, 14 e 12 euros).
Como é “Noites de retranca”? Presentan os tres monólogos moi distintos?
A priori a diferenciación baséase nos estilos de cada un, que son diferentes, desde o máis pegado á palabra tradicional de Celso, ao “stand-up comedy” de Carlos Blanco, pasando por unha especie de proposta híbrida que eu fago. Creo que tocamos tres formas distintas de, desde a palabra, facer un espectáculo.
O feito de que os tres sexan galegos marca unha forma distinta de humor?
Eu creo que cadaquén ten o seu xeito pero non por ser galego senón pola súa historia ou referencias. Evidentemente moitas das referencias do humor que fai Carlos Blanco só poden ser coñecidas por xente de aquí porque fala de “ghichos” de Vigo ou xente da Coruña ou de Ferrol, tipos que nós podemos coñecer, políticos, situacións... Alguén diría que é específico noso pero o que é específico noso é de onde parte a construción dese humor. Coa tradición que traballa Celso pode pasar o mesmo. E no meu caso, que traballo basicamente desde a memoria colectiva, tamén. Despois está a lingua e está supoño que unha maneira de construír os conceptos que cada pobo terá a súa e os galegos temos a nosa. O que non creo é que iso nos dea ningunha vantaxe a respecto doutras posibilidades. Si que é distinto en parte o feito de que calquera dos tres que estamos aí somos xente que traballamos desde o noso propio material, non temos guionistas, e ademais é dunha maneira directa, falándolle ó público, non está aprendido de memoria, e eu creo que nese sentido produce unha sensación moi fresca por parte de quen nos escoita.
Por que estes monólogos cómicos teñen tanto éxito?
Funcionan pola proximidade e polo feito de que sexan espectáculos ó vivo. É un magnífico complemento a un tempo no que o virtual domina. Estamos xuntos, facemos un acto colectivo, onde a xente se prepara para ir, se encontra, despois toma unha copa, e onde escoita a alguén que se parece a un e que lle fala directamente e onde ademais as cousas sobre a marcha poden mudar porque van sucedendo en tempo real. Hai unha necesidade cada vez máis grande de que estas cousas así, sinxelas, estean aí para descansar das outras.
Escribir para este tipo de espectáculos é moi diferente de facelo para obras de teatro?
Eu as intervencións como a que vou facer en Narón non as escribo. Normalmente pénsoas, a primeira vez que as boto aínda sae dunha maneira un pouco precaria, e segundo as vou repetindo van collendo unha forma máis elaborada. Digamos que eu lle chamo escritura mental de coche porque é mentres vou de viaxe cando lle dou voltas. Escribo algunha frase, algún pequeno apuntamento para a estrutura, un final porque quero que a peza quede moi redondiña... pero en xeral non a escribo. Unha obra de teatro evidentemente si que me sento a traballar día a día. A mecánica da posta en pé dese guión é moi distinta.
Que supón, en momentos tan precarios para a cultura, a aposta polo teatro galego que se fai desde Narón?
Para nós significa moito que haxa concellos, e entre eles está o de Narón, que teñan unha regularidade, que fagan da oferta de cultura algo diario e estable, que a xente, neste caso a de Narón ou dos arredores, teña unha referencia fácil de seguir. Saben que no Pazo da Cultura sempre hai algo e no seu tempo de lecer poden contar con esa alternativa. Isto que parece moi lóxico e moi normal non sucede en moitos sitios, e co teatro moitísimo menos. Outra cousa que se fai coas pezas teatrais en Narón é representalas dous días ou, para institutos, tres ou catro días. Iso a nós permítenos algo moi importante, que é o acto de repetición. É dicir, hoxe fixen isto e saiu de certa maneira pero mañá redondéoo. E tamén lle permite ó público xogar co boca a boca. Un vai un día, mira un espectáculo, gústalle e coméntallo a un cuñado ou amigo, e ó seguinte día recolles os froitos do que sementaches o día anterior. Ou ó contrario, resulta que o espectáculo non vale moito a pena e recolles a sanción do público, que ó seguinte día non che vén. Cando actúas unicamente un día, e ollo porque estou a falar de sitios como Vigo, en realidade se é unha marabilla é igual porque ó seguinte día non estás, e se é un acto fallido tampouco. Narón é bastante buque insignia niso e nós témolo que agradecer, entre outras cousas porque se suma ás grandes cidades coas que se conta máis ou menos e é moi importante que núcleos realmente potentes tamén estean aí, porque iso é o que fai tecido para nós poder movernos e non depender da subvención. O que nos fai falta son máis Naróns por Galicia adiante.
Ten dito que en Galicia hai produción e agora tamén infraestruturas escénicas pero descoidouse ó público.
A primeira parte, a de facer espectáculos, depende en gran medida da nosa militancia, da xente que estamos nas compañías. Sobre todo os que vimos de moi atrás, porque o mamamos desde que somos mozos, eramos e somos moi militantes e estamos sempre aí, dando a tabarra. Pero a parte de crear estruturas e fomentar a demanda xa non depende tanto de nós, depende máis do que ten que ver con programación, con espazos... Fisicamente en Galicia hoxe en día hai moitos e moi bos espazos, pero moitos deles están mortos. Son teatros moi bonitos que hai por vilas adiante, e podía dicir moitos, pero non hai vida, non hai regularidade, non hai fomento dun público crítico... Son como barcos que non teñen mar polo que navegar e ese mar é o público. Incluso en termos económicos é tirar co diñeiro. Se ti tes unha magnífica infraestrutura pero despois non fas que a xente asista a todo o que alí se faga, é un diñeiro paralizado, non ten sentido. Nós temos que facer a nosa parte, e eu digo que incluso estaría disposto a perder en termos de apoio á produción, que non é moi grande, se realmente iso se traducise nun apoio á creación e fomento de públicos, á regularidade na exhibición. Priorizar iso. Pero o tempo pasa e non acaba de concretarse e si, é a gran asignatura que temos aí e que non acabamos de aprobar. En gran medida fai que non poidamos nunca dicir que vivimos nun ámbito normalizado no mundo da exhibición teatral.
Premio á traxectoria en Ribadavia, Premio da Cultura Galega. Ten medo de que o queiran retirar?
É normal pensar niso, pasas dos cincuenta e chegan este tipo de recoñecementos e fas bromas. O que non cabe dúbida é que na medida en que son recoñecementos a unha traxectoria tes que ter esa traxectoria. Hai quen é rápido, eu nunca fun. Sempre fun tipo caracol, de ir moi a modo coas miñas babas pouquiño a pouco, e pasado o tempo parece que acumulei bastantes babas como para que a xente o recoñeza. En todo caso o único antídoto que hai a ese medo é seguir estando aí. Agora mesmo estou ensaiando un espectáculo infantil, por exemplo. Mira que había tempo que eu para actores non montaba un infantil! Estarei dirixindo un espectáculo no Centro Dramático o ano que vén, e veño de dirixir a Talía Teatro con “Demolición”... Eu non pedín ningún destes recoñecementos, se mos dan eu educadamente agradezo iso e ademais con alegría, pero unha vez que me alegrei séntome diante dun ordenador ou duns actores a traballar para seguir botando babas, para seguir andando para diante.