A Consellería de Sanidade presentou onte en Bruxelas o proxecto piloto pioneiro implementado pola Xunta na Área Sanitaria de Ferrol, centrado na detección temperá do cancro de próstata entre homes de 50 a 69 anos. A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, foi a encargada de intervir no acto organizado pola Asociación Europea de Uroloxía.
O evento contou coa asistencia de representantes parlamentarios, membros da Comisión Europea e especialistas en uroloxía, que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os avances do proxecto nunha serie de charlas, denominadas Eurology, organizadas pola dita asociación.
Este proxecto pioneiro destaca polo seu enfoque innovador, combinando a detección temperá con estratexias de promoción da saúde e prevención.
Durante o evento, a representante da Consellería de Sanidade puxo en valor a relevancia do proxecto como modelo para mellorar os resultados en saúde pública e optimizar a sostibilidade económica do sistema sanitario.
A intervención de Galicia foi eloxiada polas autoridades e especialistas presentes, que subliñaron a importancia de aliñar as políticas rexionais cos obxectivos da Unión Europea para garantir un sistema sanitario máis eficiente e accesible.
As charlas EUrology proporcionaron unha plataforma para que os participantes coñeceran os avances do proxecto da Xunta e a súa importancia na loita contra o cancro a través da detección temperá.
Sagrario Pérez remarcou que o proxecto non só mellora a saúde da poboación, senón que tamén contribúe a reducir a carga das enfermidades e a optimizar os custos sanitarios.