Sendeirismo teatralizado e música, este ano na honra de Luísa Villalta

Sendeirismo teatralizado e música, este ano na honra de Luísa Villalta
Instante dunha das representacións teatrais ofrecidas na pasada edición de “Camiños das Letras” | CEDIDA

A terceira convocatoria de “Camiños das Letras”, unha proposta da Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación de Veciños de Limodre, volve unir nesta mañá ás dúas parroquias con motivo da celebración das Letras Galegas. A actividade consiste nun percorrido de seis quilómetros, apto para calquera, protagonizado polos actores e actrices da compañía A Tenencia Teatro.


O éxito desta iniciativa constátao o feito de que nun principio, a organización dispuxo un total de 80 prazas, que estarían divididas en catro grupos que partirían por separado. Non obstante, a organización decidiu ampliar as vacantes até 90 persoas debido á gran cantidade de demandas, segundo informa Dani García, presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco.  De todos os xeitos, o responsable comunica que quedou xente en lista de espera.


Ao longo da ruta de sendeirismo, o grupo da Tenencia Teatro,   dirixido por Eugenia Sanmartín, interpretarán os textos de autores e autoras galegas, como é a homenaxeada deste ano polas Letras Galegas, Luísa Villalta. Unha das novidades deste ano é que algúns dos actores ofrecerán as súas propias creacións. Ademais, posibilitouse que os asistentes participen das lecturas.


“Máis alá dos textos dos autores, de Luísa Villalta e as Letras Galegas, o eixe temático da ruta é o patrimonio”, en concreto “o abandonado”, indica o presidente da Agrupación Instrutiva. Polo tanto, o percorrido fará fincapé nalgúns dos elementos máis simbólicos que estean en estado de desatención, tanto da parroquia de Caamouco, no concello de Ares, como na de Limodre, que corresponde ao de Fene.
Algúns dos lugares máis emblemáticos da andaina serán o Alboio de Quinín, na zona da praia de Area Morta, o parque da Hortiña de Limodre, ou coma caso particular, a estación de Franza, xa que pertence ao concello de Mugardos.


Coma nas pasadas edicións, a actividade vén acompañada polas melodías de colectivos como Airiños de Fene, o Grupo de Pandereteiras da Agrupación Instrutiva de Caamouco e o obradoiro de gaita da mesma organización. Neste proxecto colaboran, aparte destas bandas musicais, A Tenencia Teatro, a Sociedade Cultural e Recreativa San Xoán de Piñeiro, e os Concellos de Ares, Fene e Mugardos.

 

Unha irmandade entre dúas parroquias próximas

Esta colaboración entre os habitantes de Limodre e Caamouco naceu no 2020, aínda que non se puido realizar o evento nese momento pola pandemia. Aínda que son de concellos distintos, a proximidade dos territorios animou a propoñer cada ano unha ruta distinta, non so para conmemorar ao homenaxeado no Día das Letras, senón para valorizar a súa paisaxe, o seu patrimonio e a literatura galega.

Sendeirismo teatralizado e música, este ano na honra de Luísa Villalta

Te puede interesar