Lin hai pouco a oración dun neno pequeniño que non tiña ninguén con quen xogar: “Deus, Pai amoroso: e Ti non poderías axudarme a non sentirme tan soíño?” Removeume profundamente por dentro. Eu tamén experimentei iso.
Non vou acudir á casuística das revistas e xornais nin aos múltiples razoamentos filosóficos ou da psico-socioloxía sobre o tema. Só quero achegarme ás soidades concretas da infancia de hoxe pero tendo en conta a realidade da miña traxectoria vital. “Da dor e do sufrimento sempre nos veñen falar xente que non pasou por eles. E, daquela, de que serve?”
Chega Nadal, Aninovo e Reis e hai moita xente que se sente devorada pola soidade. Hoxe voume centrar nos nenos/as e rapaciños/as. Sempre me rillou aquilo de “Ponga un pobre a su mesa en Nochebuena o Navidad”. “Ningún niño sin un juguete por Reyes. Regale los que le sobran en casa”. Non critico. Pero noto que gustamos moito de flotar pola tona e escuma do superficial da grande riada mundial. Así xa non precisamos lavarmos a conciencia persoal e colectiva.
Non sería mellor entrarmos ben a profundidade existencial do hoxe e aquí que nos toca vivir? Eu preferiría escoitar: “Ningún neno/a sen escola de calidade durante o ano”. “Ningún neno/a sen pediatra ou médico, sublimentado ou desnutrido”. “Ningún neno/a en ambientes perigosos de droga, pornografía, ambientes xeradores de delincuencia, miseria, pobreza, mal trato e malos tratos”. “Ningún neno/a orfo por violencia contra da nai ou por ‘morte vicaria’ como se di agora, por mor da eufonía”. Ese sería o Nadal.
Os notábeis, honrados dirixentes e poderosos deste universo, coa anuencia das súas camadas seareiras, nos prometen un agasallo impresionante para o 2025: anuncian botar “polo mundo adiante” infinidade de refuxiados, nenos, vellos, homes e mulleres de toda idade e condición. Daranlles, en troques, bombas a esgallo que iluminen a escuridade da noite, aterecedoras motoserras nas campañas da TV, bulos, medos e ameazas, cárceres flotantes, etc.
Hai moito armamento que, se non se usa, vai caducar. Sería un desbaldo enorme non aproveitalo agora que xa sobra tanta xente. Pero, ollo! Iso irá envolto nun acto de soberana humanidade: Haberá unha tregua dunhas horiñas para cearen e tomar as uvas en familia. É Nadal! Na familia de quen? Por suposto na deles. Que sensibilidade!, non si?
Que está a pasar hoxe no noso mundo? Centrámonos na anécdota e non imos á categoría. Tocante ás motivacións: facémolo máis por sentírmonos a gusto con nós mesmos do que por remediar as causas estruturais, sociais, políticas, económicas, pedagóxicas, valores relacionais-convivenciais, etc., das que nos fala a ética e nos recorda a cotío o Papa Francisco.
Se realmente o Nadal, ademais do estimado xoguete ou brinquedo, que está ben, non nos revolve “as tripas”, as entrañas, da pobreza e as miserias que nós toleramos e creamos coa nosa forma de organizar o mundo, a economía, a política, os partidos e as diversas formas asociativas de transformación estrutural... daquela “somos coma cinzarros que abouxan ou axóuxeres adormentadores de conciencias”. (Paulo, 1ª Corintios 13, 1).
Eu fun un neno orfo de nai moi noviño por causas naturais. Finou a mamá e tamén o neno. Na casa ficou gran baleiro e tristeza. Pero tiñamos moito amor e iso era moi grande. Porén había outra faciana na realidade cotiá: estabamos nunha posguerra ben cruel. E o ambiente xeral? Cantos medos, meu Deus! E a fame! Por iso quero erguer o meu clamor unido ao teu para berrarmos forte contra a soidade dos nenos que segue con crueldade hoxe polos abusos e masacres das guerras actuais e nas de sempre, incluídas as domésticas. Sempre a mesma maldición. Cada vez máis os psicólogos alertan dos suicidios infantís e de adolescentes. Vale a pena vivir?
Si. Xa sei que o Nadal é máis para a pandeireta e cadra máis cantar: “La Virgen, entre cortina y cortina, se ocupa en peinar sus cabellos de oro, con peines de plata fina y, de paso, se entretiene admirando cómo los peces beben y beben y vuelven a beber”. De que estamos a falar? Iso non foi o Nadal de verdade. A realidade é que “non houbo lugar para eles en toda a vila de Belén nin nas contornas”. E o Neno tivo de ir nacer onde nacen sempre os pobres do mundo: nun curral de bestas bravas que agardaban o día para poderen entrar na cidade e seren mercadeados no mesmo lote xunto coa bichería.
Esta segue a ser a realidade e a grande soidade dos pobres do mundo. Tamén, e principalmente, dos nenos/as. Só os “ovelleiros”, incultos e cheirentos gañáns, foron quen de descubriren o que significa humanizar. Sentíronse familia daqueles desgraciadetes forasteiros que ninguén coñecía. Se chegan ao Congreso? A de insultos!
“Señor, e Ti non poderías axudarme a non sentirme tan soíño?”