O BNG levará ao pleno desta semana unha moción para solicitar o apoio á Iniciativa Lexislativa Popular da plataforma “Esenciales”, que promove unha regularización extraordinaria de persoas estranxeiras que se atopen en territorio español antes do 1º de novembro de 2021. O seu voceiro, Iván Rivas, presentou onte a iniciativa acompañado por Soledad Lucero, da asociación Mobilidade Humana. Lucero indicou que esta ILP nace de varias asociacións de inmigrantes que decidiron unirse en todo o Estado para impulsar un proceso que dignifique a vida de centos de miles de persoas que viven e traballan en España pero non teñen os seus dereitos garantidos, o que dificulta o acceso a vivenda, sanidade ou ensino.
Aínda que o documento xa dispón do medio millón de sinaturas precisas para tramitarse, continúan a buscar apoios significativos. En Ferrol impulsan esta iniciativa o Foro Galego de Inmigración, Avante, Red de Mujeres de América Latina, Mobilidade Humana, Xeración ou a Asociación de Veciños de Canido.
Calcúlase que entre 290.000 e 470.000 persoas residen de forma irregular en España, das cales un terzo serían menores de idade. O sistema de acceso á residencia é “insuficiente e limitado”, apuntan desde o BNG, “e non se axusta á realidade actual dos emigrantes”. Consideran que os criterios de acceso á residencia son “moi restritivos e moi difíciles de cumprir” e que o proceso administrativo é “lento, burocrático e ten unha alta marxe de discreción á hora de outorgar autorizacións ou renovalas”. Isto provoca vulnerabilidade e desprotección e aumenta a exclusión social. Persíguese que estas persoas saian desta invisibilidade.
Rivas subliñou que a situación xerada pola pandemia “evidenciou aínda máis a precariedade na que viven”.