SonDeSeu conecta tres terras con Sés, Hirahi Afonso e Daniel Pereira

SonDeSeu conecta tres terras con Sés, Hirahi Afonso e Daniel Pereira
Un dos instantes da estrea deste espectáculo en Vigo, que é a cidade orixe da orquestra, a semana pasada | CEDIDA

A orquestra folk de Galicia SonDeSeu presenta o seu último traballo este domingo, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón. Neste concerto escoitarase o son dos arredor de 55 músicos que compoñen o grupo, ademais dos tres convidados que dan sentido ao título de “Entreterras”.


Esta é a segunda parada do proxecto, despois da estrea da semana pasada en Vigo, que Xaquín Xesteira, director de SonDeSeu, comparou cunha erupción volcánica como metáfora da transformación que, igual que na paisaxe, achegan os solistas Sés, Hirahi Afonso e Daniel Pereira. “Como diría Anxo Pintos, hai un meridiano invisible que fai que estas músicas teñan conexión entre elas”, indica Xesteira, aludindo á orixe galega, canaria e portuguesa dos convidados. 


SonDeSeu é unha orquestra única, en primeiro lugar, á vista das nove seccións instrumentais que a compoñen, como son a arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo, gaita, percusión, requinta, violín e zanfona. Así mesmo, “aínda que haxa obras novas, o repertorio sempre ten un sabor tradicional”, explica Xesteira. Polo tanto, a agrupación ten a capacidade de transformarse e facer temas actuais, como son os os dos convidados, e conseguir unha sonoridade diferente.


Xaquín Xesteira deu o relevo a Rodrigo Romaní cando este deixou a dirección da orquestra en xuño de 2022, aínda que xa fora o seu substituto en certas ocasións. Ademais, o actual representante é mestre de gaita e xefe de estudos na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional –Etrad–, coa que se vincula e colabora o colectivo. “Precisamente nos ensaios de SonDeSeu, os alumnos máis avanzados da Etrad, que son aspirantes a entrar na agrupación, realizan a súa práctica orquestral”, declara Xesteira, que comenta que os mestres non adoitan, pero si en casos especiais como este “Entreterras”.


“Somos un equipo e a responsabilidade está moi compartida”, expresa o director. Por unha parte, nomeou a Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu e tamén o artífice da idea que deu a luz este proxecto. Begoña Riobó é a coordinadora da sección de violíns xunto con Alfonso Franco; Xosé Liz, da de requintas e buzuqui e Bea Martínez, das arpas. En concreto, Xesteira está ao cargo da sección de gaita e percusión, que son as súas especialidades, e neste momento tamén  se ocupa de axudar aos responsables do canto e contrabaixos.


Un dos grandes retos aos que tivo que facer frente SonDeSeu foi o concerto do ano pasado en homenaxe a Rodrigo Romaní,  pola súa xubilación como director da Etrad, onde estrearon seis obras deste autor. Na actuación que ofrecen en Narón se estrea un arranxo de Romaní, “Van todas”, que interpretará Sés. 

SonDeSeu conecta tres terras con Sés, Hirahi Afonso e Daniel Pereira

Te puede interesar