A edición número 21 do festival musical A Mocidade coa Lingua reuniu a máis de 800 alumnos no Auditorio de Ferrol durante a mañá do venres. Ademais dos concertos que ofrecen os grupos procedentes de varios centros educativos da zona, a cita tamén contou coa actuación da banda profesional De Ninghures.
Algúns dos obxectivos principais polos que a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística propón este encontro son fomentar a acción social de promoción da lingua galega e sensibilizar á mocidade ferrolá na importancia de mantela como medio de expresión cultural.
Cada grupo participante presenta dúas cancións que deben ser de composición propia. En canto ás letras, un dos temas debe estar escrito polos propios alumnos, mentres que para o outro teñen que escoller o texto dun artista recoñecido.
Nas edicións pasadas, a organización agasallaba ás agrupacións un CD cunha recopilación das cancións que sonaron no evento. Non obstante, este ano optouse por subir os contidos ás principais plataformas en liña, xa que “son o que usan eles e un CD non tería sentido porque xa case non hai aparatos para reproducilos”, indica Xil López, responsable da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.
O festival, que comezou nos anos 90, contou coas agrupacións musicais Badulaque, do CPI A Xunqueira; A banda da Ponte, do IES Ricardo Carvalho Calero; Bandatios, do CPI Atios; Arredemo, do IES de Fene e Son do Sofía, do IES Sofía Casanova. Por outra banda, o público estivo formado por máis de 800 estudantes de un total de dez centros educativos da comarca de Ferrol.