O artista multidiscilplinar David Couselo Méndez, cuxas obras quedaron rexistradas na cidade grazas á súa participación nas Meninas de Canido, propón achegarse á mostra que alberga a sala Bello Piñeiro do Torrente Ballester este mes, até o día 5 de xullo.
“Terra e salitre” está composta por 30 acuarelas de distinto formato e 16 esculturas que foron elaboradas con madeiras de varias especies, gres e diversos metais como poden ser o aluminio, ferro, latón, cuproníquel ou aceiro inoxidable. As obras que inclúe esta exposición xiran en torno á temática principal do mar, os oficios e as paisaxes mariñeiras, tanto no caso das acuarelas como en gran parte das esculturas.
O autor participou en numerosas mostras colectivas e individuais do ámbito comarcal, por diversos puntos de concellos como Ferrol, Narón, Mugardos ou As Pontes, ademais das dúas creacións que deixou en Canido. David Couselo é arquitecto de profesión, aínda que a súa atración polo mundo artístico levouno a iniciarse de forma autodidacta, para despois formarse con nomes de relieve como Manuel Gandullo, Urza, Anxo Álvares ou Víctor Ares Ces.