Hai setenta anos, en 1954, aparecía, nos Cuadernos de Estudios Gallegos, o primeiro traballo sobre as “nuevas joyas prehistóricas gallegas”. A análise, titulada “El tesoro Bedoya” está asinada por Xosé Filgueira Valverde e Antonio Blanco Freijeiro e supón o primeiro (e moi exhaustivo) achegamento ao contido e “espontáneo depósito” deste conxunto do Museo de Pontevedra.
Os autores definíano como un novo “acobillo de orfebrería prehistórica, el único que apareció en Galicia acompañado de monedas y joyas de la época romana”. Chegou á cidade do Lérez o 12 de outubro de 1953 e pouco despois, lembran Valverde e Blanco, a Deputación de Pontevedra “con su generosidad habitual acordaba adquirirlo” (por 30.000 pesetas) para incorporalo á súa colección. Bautizouse como “Tesoro Bedoya”, pois a “incertidumbre” sobre o lugar onde apareceu “no permite asignarle un apelativo local”.
O material estaba dentro dun caldeiro de bronce: unha diadema de ouro repuxado, dous pares de pendentes, tamén dourados –todas elas “prehistóricas”–; dous aneis “romanos” de 23 a 24 quilates, así como vinte e sete denarios de prata –o máis antigo datado nos entre os anos 63 e 44 a.C. e o máis moderno, do ano 91 d.C.–, ademais de dous áureos, un de Nerón e outro de Domiciano.
Todo este conxunto, apuntaban Filgueira e Blanco antes de proceder a un estudo polo miúdo de cada peza, incorporouse, dentro do museo, a unha serie formada naquel entón polos achados de Agolada, Caldas e Foxados e os torques de Arteaga e Meis.
Naquel estudo recóllense algúns datos do proceso, de como rematou un tesouro atopado na Graña no Museo de Pontevedra. Quen o depositou alí foi Justo Bedoya, fillo de Francisco, que, logo de atopalo nunha terra da súa propiedade, decidiu gardalo no faiado da casa. Antes de morrer díxolles aos seus fillos que alí lles deixaba “algo que podría valerles”, relatan Filgueira e Blanco.
E así foi, como lembrarían posteriormente os membros do grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos nun traballo publicado no Anuario Brigantino do ano 2000 que pode consultarse en internet. O obxectivo deste traballo era desenvolver unha análise de localización do tesouro, unha das incógnitas máis recorrentes de todos os especialistas que trataron de achegarse a el.
“A aparición deste tesouro”, explícase no estudo, “marca un fito na historia da arqueoloxía galega, ao aparecer xoias prehistóricas asociadas con moedas, algo que viña sucedendo no resto da península ibérica, pero inédito en Galicia naqueles tempos”.
Alberto López é unha das persoas que formaba parte do equipo que revelou datos do achado e da localización exacta e tamén os pormenores da venda do tesouro ao Museo de Pontevedra, un proceso que tivo escala –e non menor– na consulta dun médico en Compostela, moi amigo de Filgueira Valverde.
“O noso traballo non era unha hipótese de localización, senón que puidemos falar cos herdeiros do tesouro, coa filla e mais o xenro dos depositarios. Eles recoñeceron que o atoparon na súa finca, onde seguían vivindo”. O arqueólogo e investigador ten moi clara a importancia deste conxunto que forma parte da colección permanente do museo pontevedrés. “Absoluta, porque dá unha serie de pistas sobre a ourivería nese período; é un dos grandes expoñentes da ourivería galega na Idade do Ferro”, sentencia López.
E como estivo oculto durante case dous milenios? Segundo a información que recolle no traballo o grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos, o caldeiro de bronce coas alfaias e as moedas aparecera nos anos 40 e o propietario da terra decidira gardalo. Co seu descubrimento rematou cun longo período baixo terra. “Os acubillos”, explica Alberto López, “soen ser normalmente dalguén con certo poder que o que fai é escondelo nun momento, seguramente de incerteza, sexa bélica ou non, para, pasado un tempo prudencial, poder recollelo. Non sabemos de quen era, pero podemos imaxinar que era dun comerciante, dalguén adiñeirado. Hai que diferenciar as moedas do que son as xoias e, en todo caso, o que indica este patrimonio é que o seu dono tiña certo nivel económico alto”. E esas circunstancias, incide López, veñen demostrar que, “sen haber por toda a zona un xacemento romano recoñecible, esa persoa seguramente negociaba co mundo romano... Ou vivía como un romano”.
Outra das cuestións que xorden é a relación do propietario orixinal con algún asentamento da contorna. “Faría falla escavalos porque non temos constancia de ata que punto están romanizados. Con todo”, apunta Alberto López, “tendo a ría que temos, un porto de abrigo natural magnífico e xacementos romanos que temos, cando menos ao outro lado da ría, non sería raro... O xacemento romano máis cercano está en Cariño, Doniños, unha pesquería de salazón non moi lonxe de onde aparece o tesouro, pero está o suficientemente afastado... E arredor está o castro de Vilasanche e o castro de Valón, no cruce do Pereiro. Podería ser calquera deles, pero ningún deles foi escavado”.
Non obstante, o investigador cre que non hai por que vencellar un castro co tesouro. “A teoría é sempre a mesma: alguén agocha algo para que non llo encontren e, pola razón que sexa, morre antes de poder recuperalo. E aí queda. Nós sempre temos a idea de que a xente vivía dentro dos castros, pero nada máis lonxe da realidade, e máxime en tempos de paz. Pasaba tamén na Idade Media: xente nas súas granxas ou explotacións e, cando chega a guerra, métense dentro do castelo para que a defenda o señor. A xente en tempos de paz espállase por fóra do castro, coas súas terras de labor”, lembra Alberto López.
O arqueólogo e investigador Felipe-Senén López resalta o papel central que xogou durante moito tempo Filgueira Valverde. Cando apareceu o tesouro Bedoya non existía o Museo Provincial da Coruña –onde, por exemplo, se custodian actualmente as pezas atopadas na primeira escavación do castro de Esmelle, o ano pasado–“e moitas das cousas que aparecían en Galicia”, apunta, “rifábanas. O Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid quería levar todo para alí, pero en Galicia tiñamos unha persoa moi singular que salvou moitísimas cousas para o “seu” museo, que era Filgueira Valverde; salvou pezas que, de non ser por el, terían marchado para Madrid ou mesmo para o British Museum, o Louvre ou o Metropolitan de Nova York. Galicia non ten olleadores e inversores do que significa o patrimonio cultural, arqueolóxico, artístico ou etnográfico, e Filgueira foi moi sensible con iso e con moitas cousas que naquela altura estaban aparecendo en Galicia”.
Naquela época de comezos da década dos 50 Filgueira, afirma Felipe-Senén López, era “un factótum, con moitísimas influencias nese campo e a peza máis valorada para el, o seu ollo dereito, era o Museo de Pontevedra”. Nese espazo que tanto mimou, Filgueira deulle ao Bedoya un lugar preeminente.
“É que son pezas moi singulares”, apunta o museólogo, “que ofrecen moitos datos arqueolóxicos. Unha delas é asumir a gran calidade de pezas de ourivería desa época, a castrexa, que existen. Moi acordes co que dicían os cronistas do cambio de era e anteriores: Os galegos eran grandes ourives e esas pezas teñen unha gran vinculación incluso co sur e co levante... De todo ese mundo que podiamos dicir de influencia tartésica-mediterránea, o mundo do Mediterráneo oriental, que é un camiño dese orientalismo que caracteriza precisamente a cultura castrexa. O celtismo é o mundo oriental que, a través de diversos camiños, se vai establecendo en Galicia cunhas características moi propias, tamén na ourivería: este é o país dos torques, o país das arracadas que marcan o camiño de Oriente a Occidente. Galicia é un vértice, unha proba onde recalan vellos saberes que a través do Mediterráneo e de Centroeuropa se van repartindo con esa área occidental atlántica-céltica. E esta singularidade está tanto no mundo dos torques e das arracadas e, sobre todo, na gran calidade, que en Bedoya está moi ben representado, da filigrana. Son pezas para estudar moi ao detalle”, engade.
Neste sentido, Felipe-Senén bota en falta a “grande exposición sobre a minaría e a metalurxia en Galicia” que sitúe no lugar que corresponde a técnica coa que crearon pezas como as xoias de Bedoya. “Dentro do mundo das arracadas, que son pezas de casta e de rango –de homes ou mulleres, e que, ao ser de ouro, están vinculadas á divinidade–, o tesouro, as técnicas e a historia que hai detrás desas pezas –quen as fixo, onde, para quen, quen as levou, quen as ocultou nesa vasixa– dan para unha narración literaria preciosa. Pois así se escribe a cultura dun pobo, recreando feitos e tradicións, e Galicia é o país do realismo máxico, aínda que se cultive moi pouco”.
O arqueólogo Alberto López está moi a favor dun Museo de Ferrol, xa que, aínda por riba, é a única cidade galega (téñeno tamén vilas con menos poboación) que non ten. Nese sentido, sinala que Ferrol é máis que o século XVIII e o naval e lamenta que “semella que a nosa historia antiga non existise ou non fose importante. E si que o é”, lembra, “porque temos seis castros, sesenta mámoas, media ducia de petróglifos... Só no concello de Ferrol. O problema é que cando nos miramos o embigo só vemos o XVIII”. Sobre a posibilidade (non manifestada formalmente) de solicitar a cesión temporal cando o museo de Ferrol sexa unha realidade, López apunta que “depende exclusivamente do Museo de Pontevedra, porque o tesouro é del”.
A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, non quere especular sobre se sería ou non axeitada unha cesión ou depósito no futuro Museo da Cidade de Ferrol, unha iniciativa que, nesta altura, non deixa de ser un unha idea ficticia. “Non podemos pronunciarnos sobre unha hipotética cesión a outro museo sen que exista esa petición, máis aínda tendo en conta que ese museo é só un proxecto. Non podemos facer consideracións técnicas para unha cesión, préstamo ou traslado con esa premisa, xa que se trataría de meras especulacións sen unha base sólida”, explica.
En todo caso, Tilve subliña que a chegada ao museo do tesouro Bedoya está “perfectamente documentada”. Foi adquirido, apunta, por 30.000 pesetas o 24 de novembro de 1953, mes e medio despois do depósito, por parte de Justo Bedoya. “Foi unha compra legal da que existe documentación suficiente”, recalca. En relación co lugar do achado, a directora do Museo de Pontevedra sinala que “nalgún momento” se situou o achado “nun castro próximo á casa onde se gardaba o tesouro na actual parroquia da Cabana”, se ben “o único que puido asegurar a familia cando o entregou é que o depositaba tal como fora atopado”.