The Teacher | Prátano ou banana

O artista e profesor Suso Basterrechea reflexiona neste espazo persoal
The Teacher | Prátano ou banana
“Comedian”, de Cattelan, na Art Basel de Miami (2019)

Hai moitos anos escoiteille a un escultor dicir nunha entrevista algo así como que un artista debía afrontar a posibilidade do fracaso como parte do seu traballo creativo e que a sociedade debía asumilo con naturalidade. Pareceume unha frase valente e inspiradora pero axiña tomei consciencia de que tamén era moi pretenciosa. Porque, non nos enganemos, á maior parte da sociedade impórtanlle un carallo os acertos ou erros dun creador plástico.


Lin tamén unha reflexión moi interesante en relación a que o escándalo é unha boa forma de comunicarse coa nosa realidade. En fin, eu dedico moito esforzo a tratar de crear escenas contundentes que poidan incidir dalgunha maneira en debates nos que me vexo envolvido. O certo é que, desde a arte, se isto se consegue, é xeralmente de forma moi reducida e certamente en círculos extremadamente pechados. Porén, e como me toca protagonizar unha vida abondo variada, desde outros eidos atopeime abrindo telediarios polas maiores trapalladas que poidan imaxinar.


Estaba esta semana reflexionando arredor da importancia das imaxes no mundo actual, aceptando que xa non valen máis que mil palabras, cando me chega a noticia de que o “GOYA MOLA MÁS” de Canido foi destruído. Isto éncheme de melancolía, o meu primeiro artigo, unha boa polémica na cidade. Algo incómodo, mais certamente positivo, xa que a arte se alimenta co conflito.

 

 

Noutros tempos a xente pelaxábase fronte os museos, as discusións creativas eran primeira páxina nos xornais e mesmo chegaban aos tribunais. Whistler demandou un coñecido crítico, Ruskin, por se rir dun dos seus cadros a finais do século XIX. O xuízo converteuse nun auténtico debate filosófico arredor da beleza e mesmo inspirou tiras cómicas nos medios escritos de Inglaterra. Finalmente, o artista gañou na súa reclamación, mais quedou na ruína polos custos producidos por todo aquilo, xa que a compensación foi meramente simbólica.


O grande escultor Brancusi tamén se meteu en procesos legais contra o goberno de Estados Unidos cando en 1926 a súa obra “Paxaro no espazo” foi retida na alfándega de dito país. Os axentes consideraron que aquilo non era unha peza artística, libre de aranceis, e catalogárono como “utensilio de cociña”: Tocaba pagar o 40% do seu valor estimado. A querela saíu adiante e houbo que modificar completamente a definición legal de obra de arte na administración norteamericana.


El propio Rodin obtivo no seu momento boa parte da súa sona polo escándalo orixinado coa “Idade do bronce”. A escultura, representación a tamaño real do corpo espido dun soldado belga, era tan perfecta no seu estudo da anatomía que acusaron ao creador de tomar os moldes directamente do modelo. O asunto chegou á opinión pública e ocupou tertulias e críticas culturais durante anos. Cando se demostrou que a peza era froito da mestría do autor o Estado francés animouse a encargarlle “As portas do inferno”, o seu maior traballo, que inclúe famosas pezas como “O pensador” ou “O bico”. 


Un prátano pegado á parede con cinta adhesiva é o máis semellante que temos nestes días a estes casos relatados. A min non me parece mal, a fin de contas buscamos o amor sen saír da sección de froitaría, cunha piña cabeza abaixo. Moito mellor se, ademais, aparece algunha persoa disposta a pagar unha boa cantidade pola instalación, a lei da oferta e a demanda, é o capitalismo, amigo.


Maurizio Cattelan é o autor de “Comediante”, nome da peza. É un estupendo artista que leva xa algunhas décadas buscando a polémica. As súas esculturas, case hiperrealistas, de Juan Pablo II aplastado por un meteorito, ou de Hitler castigado de xeonllos nun curruncho ou mesmo, a máis desagradable, uns nenos suicidados pendurando dunha árbore, conseguiron sona en certos ambientes, mais a difusión nunca foi tan global como a obtida cun simple prátano. 


É xa a obra de arte máis coñecida do século XXI, suscita rexeitamento e defensa radical, case violencia verbal, e representa moi ben unha sociedade na que, como xa dixemos, unha imaxe apenas vale nada. Un absurdo onde a arte, e tantas cousas, semellan supeditadas ao seu valor económico. Un “dispositivo” capaz de xerar colas para a súa contemplación cuando foi exposto por vez primeira nunha feira de arte. Un “artefacto” que incide na fraxilidade das estruturas da cultura e o mercado.


En 1917, hai xa máis dun século, Duchamp mercou un urinario, asinouno co pseudónimo de R. Mutt e enviouno a un concurso co título de “Fonte”. O xurado, do que el mesmo formaba parte, rexeitouna entre berros. Como bo intelectual próximo ao dadaísmo, intentaba “asasinar” a arte. En plena primeira guerra mundial considerábano unha manifestación máis dunha sociedad fracasada. Lonxe de acadar o seu obxectivo, Marcel abriu novos camiños, de tal xeito que, en 2004, un grupo de cincocentos reputados profesionais do sector considerárona a obra máis influínte do século XX. 

The Teacher | Prátano ou banana

Te puede interesar