Hortalizas, legumes, pan, peixe, chourizos, xamón... Estes e moitos outros alimentos –todos elaborados con fíos e lá a través da técnica do “ganchillo”– son os que se poden atopar no “Mercado de Chispa”, o espazo no que desde este curso o alumnado do CEIP de Pazos pode traballar as matemáticas desde unha perspectiva máis vivencial e contextualizada.
A iniciativa permite ademais, tal e como salientan desde o propio centro, potenciar os hábitos saudables de alimentación e consumo, así como traballar os valores nutricionais, o tema do etiquetado dos produtos, e moitas outras cousas.
Trátase, en definitiva, dunha excelente ferramenta de aprendizaxe para os escolares, que o pasado venres, por exemplo, tiveron que elaborar menús, estimar o custe dos pratos e finalmente calcular o prezo real dos mesmos en función dos alimentos empregados para as receitas.
Robótica
Esta actividade foi unha das que formaron parte do xogo organizado polo colexio para dar a coñecer tanto o proxecto do mercado como o relacionado coa robótica, vinculado este último ao Erasmus + celebrado en Grecia e no que o pasado febreiro participou parte do profesorado xunto a outros da comarca.
Neste caso, o centro habilitou tamén unha zona creativa dentro da propia Biblioteca (zona “maker”) para o desenvolvemento de propostas que teñen que ver con esta disciplina e que o CEIP de Pazos realiza dentro do horario lectivo. A intención é impulsar un proxecto que ten unha excelente acollida entre os rapaces.
Trala sesión do venres, o vindeiro día 8 celebrarase unha nova xornada para dar a coñecer estes proxectos ás familias.