A UPG conmemora o 47 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras en Ferrol

A UPG conmemora o 47 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras en Ferrol
En Ferrol faise unha ofrenda floral no portal 27 da rúa da Terra | aec-j.m.

A Unión do Povo Galego conmemora hoxe, como cada ano, o asasinato do militante nacionalista Moncho Reboiras en Ferrol, en 1975, por parte da policía franquista, que o abatiu cun tiro na caluga na rúa da Terra.


Os actos comezarán no cemiterio de Imo, en Dodro, onde está enterrado, cunha ofrenda floral ás doce do mediodía. Antes, inau-gurarase alí unha rúa que leva o nome de Reboiras. Continuarán as actividades en Maniños (Fene), no local da sociedade cultural O Pote, onde está previsto un xantar popular seguido dunha conferencia sobre a actual situación internacional a cargo de Duarte Correa, profesor de historia no ensino secundario e secretario de Relacións Internacionais da UPG (formación integrada no Bloque Nacionalista Galego).


Pola tarde, a lembranza trasládase a Ferrol. Ás sete da tarde haberá unha concentración na rúa da Terra, fronte ao portal onde foi asasinado Reboiras. Media hora despois celebrarase un acto político na praza de Armas no que participarán Manuel Polo, secretario de zona e concelleiro en Fene; Iria Carreira, secretaria xeral da Unión da Mocidade Galega e deputada no Parlamento; e Néstor Rego, secretario xeral da UPG e deputado no Congreso.


Moncho Reboiras foi un activo sindicalista e militante antifranquista, motivo polo cal viviu varios episodios de represión –como a perda da súa bolsa de estudos–. Participou na creación do que despois sería a CIG e, como membro da UPG, desenvolveu a súa traxectoria política na clandestinidade.


En 1975, un dispositivo policial no barrio de Canido rematou coa súa persecución e morte por disparos policiais nun portal da rúa da Terra, con 25 anos. En 2009 foi recoñecido como vítima do franquismo. 

A UPG conmemora o 47 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras en Ferrol

Te puede interesar