Hai xa algúns anos que Vicente Araguas –Xuvia, Neda, 1950– está instalado no que, como din agora as novas xeracións, sería o seu “prime”, o seu mellor momento de forma, una especie de pulsión creativa que abrangue todos os xéneros e as dúas linguas que domina.
A última entrega titúlase “El deseo aislado” e sae á rúa co selo da editorial Sial-Pigmalión. Trátase dun volume no que compila toda a súa produción lírica en lingua española. Este venres, ás 19.30 horas, estará na Central Librera da rúa Dolores para falar sobre el, sobre poesía e sobre a vida na compaña de Mariano Durán, intelectual mugardés.
O debut, cando menos público, de Araguas na poesía en castelán produciuse hai catorce anos, en 2010, no volume colectivo “A los cuatro vientos”, e chega até a actualidade, cun par de inéditos que vén a luz agora –“Variaciones Goldstein” e “En la hora violeta”– inseridos neste “El deseo aislado”.
Complementa a lírica en castelán de Araguas unha longa traxectoria en galego, que ás veces, sostén, semella estar “tocada polo don da invisibilidade”. O escritor nedés residente en Majadahonda desde hai medio século e agora de a cabalo en Olomouc –República Checa–, ten claro que este silencio pode deberse a que “os que escribimos en galego fóra de Galicia non existimos”. Con todo, iso non significa que renuncie ao ton case máxico que adquire na súa literatura o territorrio de Xuvia-Neda e tamén Ferrol, que son, subliña, “a terceira pata do seu trípode existencial”.
O autor lamenta que algunha das súas obras líricas en lingua galego está tocada polo don da invisibilidade
“En la hora violeta”, escrito para unha escolma poética da obra de Vicente Araguas, en checo, traducida por Klára Goldstein, de saída inmediata, fala, explica o escritor, “desde a ollada dun neno dunha lamentable redada de persoas moi coñecidas no ámbito ferrolán, practicantes dos placeres prohibidos, diría Luis Cernuda. Últimos cincuenta, e ‘paseíllo’ pola rúa Madalena, camiño do xulgado, daquela onde hoxe está o Ateneo”.
“A literatura, para min, ten raíces”, engade, e aí están para corroboralo, “Través do trebón” (Belagua) sobre o Ferrol naquel fatídico verán do 36, ou toda a súa obra, con fondo en Neda. “Xuvia”, “Xuvia revisitada”, “Xuvia. Neda”… Tamén en lingua española, como “No se llora con la boca llena”, que forma parte deste volume e que leva por subtítulo “Como un verano en Neda”.
A poesía de Araguas vai do persoal ao colectivo, do lírico ao épico. Libros como “Que voy de vuelo”, “Variaciones Goldstein”, “Solealbas”, complementados con “Ronsel de prata vella”, ben recibido este por crítico tan esixente, do melloriño do panorama galego, o ferrolán e colaborador deste xornal Henrique Dacosta, teñan unha destinataria nidia. Por máis que Araguas sempre se vencelle, iso di, ao “poeta fingidor” de Fernando Pessoa.
A poética de Vicente Araguas, segundo as súas propias palabras, é “como un paxaro que treme na man, feita cunca, dun cativo, quen ao notar ese tremor, conmovido, deixa que a ave lisque en vóo ceibe”. Isto é, para el, a Poesía, en maiúscula.
A lírica é unha das vetas creativas de Araguas, mais non a única. De feito, actualmente está a traballar nas súas memorias, escritas neste caso en galego, e que xa teñen título: “Miña Nai en Pisa”. Así e todo, o autor está naquel “labourar arreo” do vello traballador de Celso Emilio Ferreiro. Pois é así como se define: vello e traballador, nos dous idiomas nos que se manexa, segundo o lugar onde se atope, por máis que agora o checo comece atopar tamén un posto.
Parte de “El deseo aislado” que se presenta mañá xa foi traducido ao italiano por Sabrina Lembo e ao portugués por José Viale Moutinho.