Víctor Bellas, hostaleiro: “O nome estaba claro, polo pobo tiña que ser O Bar Queiro"

Os concertos realízanse durante todo ano a excepción do verán, que paran pola abundancia de eventos que se ofrecen polos arredores
Víctor Bellas, hostaleiro: “O nome estaba claro, polo pobo tiña que ser O Bar Queiro"
O responsable con Evaristo Páramos, mítico membro de La Polla Records, cando actuou no local | CEDIDA

O Barqueiro, en Mañón, conta cun local que rezuma unha gran personalidade ligada ao estilo musical preferido da persoa que está ao seu cargo, Víctor Bellas. Este hostaleiro exerce ademais como xestor cultural, xa que o trazo máis característico do seu establecemento, que o próximo martes está de aniversario, é que ofrece concertos cada quince días aproximadamente.


En 2011 comezou esta andaina, aínda que noutro local máis pequeno localizado a escasos metros, no que o responsable permaneceu arredor de cinco anos. Aínda así, “o nome estaba claro desde o principio, polo pobo no que está tiña que ser O Bar Queiro”, manifesta o responsable. Foi en 2016 cando cambiaron a localización, o que lles permitiu “facer o que realmente quería, concertos, darlle un toque personal e rockeiro”, declara Bellas, que comunica a evolución que sufriu o espazo.

 

Ao principio tiñan unha tarima pequena que substituíron co aumento do seu éxito. “Desde que veu Evaristo xa temos un escenario bastante curioso e ten tocado algunha banda de sete compoñentes”, continúa. Os grupos que tocan no Bar Queiro atraen, ademais do público ao que chegaban dende os inicios, procedente de zonas próximas coma O Vicedo ou Loiba, a espectadores das Pontes, Ferrol ou incluso de Vigo.

 

En canto aos estilos da música, que sempre se realiza en directo, priman o rock and roll, rockabilly, punk ou estilos afíns. As bandas locais, ás que comezou por ofrecer espazo no primeiro establecemento, continúan sendo unha peza fundamental á que Bellas non esquece. Aínda así, posto que gran parte dos grupos da zona xa actuaron no Bar Queiro, abriron o abano e este ano ofreceron concertos de renome como o de Miguel Costas, de Siniestro Total, ou Volvoreta, unha banda de Guadalajara que “está apuntando moi alto e xa son de nivel nacional”, indica Bellas.


A proposta está sendo todo un triunfo, poñendo o exemplo do último concerto. A pesar de que era o debut dun grupo local, achegáronse a velos 100 persoas, cando dispoñen dun aforo de 120 espectadores. Tal e como indicou o responsable, a xente non adoita fallar porque “pola zona non hai ningunha sala que faga concertos”, relata Víctor Bellas.


O organizador comunica que tomaron a decisión de cobrar entrada en favor dos músicos, xa que “nos parece que é o lóxico porque é un curro bastante complicado”. Así pois, esta ganancia destínase ás bandas para que cubran o traballo que dan os traslados, a montaxe, probas de son e permanencia no lugar. De feito, Víctor Bellas informa da satisfacción que mostran aqueles que tocan no Bar Queiro, xa que teñen todo organizado para proporcionar aloxamento e comida.


Os concertos realízanse durante todo ano a excepción do verán, que paran pola abundancia de eventos que se ofrecen polos arredores. Todas as citas publícanse nas súas redes sociais e ademais pegan carteis, que “é unha cousa que xa non se leva moito pero a nós gústanos”, expresa Víctor Bellas. 

Víctor Bellas, hostaleiro: “O nome estaba claro, polo pobo tiña que ser O Bar Queiro"

Te puede interesar