Xosé Fortes | “Eu tiña un bo destino, para non meterme en líos, pero, claro, os líos estaban diante dos nosos fuciños”

O cofundador da Unión Militar Democrática presenta este venres ás 19.30 horas no centro cultural Torrente Ballester o libro “En la piel de los héroes” (editorial Tusquets) no que rememora como foi aquela “conspiración democrática no exército franquista” que cumpre medio século da súa irrupción
Xosé Fortes | “Eu tiña un bo destino, para non meterme en líos, pero, claro, os líos estaban diante dos nosos fuciños”
Fortes, primeiro pola dereita, xunto aos seus compañeiros | Cedida

Con 90 anos, Xosé Fortes –Caroi, Pontevedra, 1934– conserva a memoria e a lucidez intactas para lembrar como foi aquela experiencia da Unión Militar Democrática (UMD) que axudou a fundar co obxectivo, como o seu propio nome indica, de democratizar as Forzas Armadas. Este venres presenta no Centro Torrente Ballester (19.30 horas) "En la piel de los héroes", convidado pola asociación Memoria Histórica Democrática. 

 

Mudou co paso dos anos a súa visión, a súa percepción, do que significou aquel movemento nas Forzas Armadas? 
Non, nada. Aquilo foi así e, de feito, non cambiaría nada. Fixémolo porque o había que facer, non había máis remedio. Eu estaba vivindo docemente criando os fillos e facendo a miña tese doutoral nas horas libres, saíndo aos arquivos e dando clases de literatura: un bo destino, en fin. Eu estaba encantado da vida, para non meterme en líos, pero, claro, os líos estaban diante dos nosos fuciños, co ruído de sables, despois do que sucedera en Chile... Por certo, o noso xeneral díxonos que o de Chile non era un golpe de Estado, senón un alzamento. É dicir, unha reprodución do 36.

 

E como era ese ambiente nas Forzas Armadas? Percibíase que a morte do ditador estaba preto? 
Non tan preto. Foi a partir da reacción de Nacións Unidas e de México polos fusilamentos. Porque Franco morreu ordenando fusilamentos. Non hai que esquecelo. Os portugueses arrasaran a embaixada en Lisboa, México propuxo botar a España das Nacións Unidas... Armouse moito rebumbio internacional. En resposta a isto, todos na Plaza de Oriente, naquel discurso en que xa non se lle entendía nada a Franco fóra daquilo da “conspiración judeomasónica”... Ninguén sabía que ía ter ese desenlace tan rápido. Nós contabamos cuns anos todavía... E Juan Carlos tamén!

 

Foi difícil armar a UMD?
Foi, por riba de todo, arriscado. Era dar un paso ou non o dar. Dar un paso era saber que te ían deter máis ou menos tarde porque se ti queres aumentar o número de afiliados tes que falar con moita xente e, cando hai sintonía, xa falas dunha organización. E algúns cos que a sintonía era aparente colleron algo de medo coa conversa e contáronlle ao servizo de información... Coa detención contabamos. Pero había que facer algo; se non, estabamos perdidos. Nos anos 60, á sociedade española non se lle vía máis politización que a xusta nos partidos ou algún sindicato, pero nas clases medias, co aumento do nivel de vida, a compra do 600 e o piso, non a había. Eu noteina moi claramente despois de maio do 68 e sobre todo nos primeiros 70, ata o punto de que o Exército pechou filas porque pensou que a sociedade estaba a volverse “roxa”. Aquel pobo miraba a Europa e o berro era “Libertad, amnistía, Estatuto de Autonomía”. O Exército estaba de unllas e foi entón cando nos decatamos do obstáculo que era para os desexos da sociedade, que non eran outros que Europa e liberdade. Europa era o noso anhelo cultural e económico porque nós eramos uns marxinados: mandabamos a xente a traballar a Francia ou Alemaña porque alí estaban os salarios grandes e aquí os cativos... Ser europeos era igualarnos. O obstáculo era a ditadura e todo o mundo politizouse nese sentido. E eses anceios non eran só en sectores intelectuais, senón en toda a sociedade, e o Exército converteuse nun colectivo cada día máis reaccionario, illado e perigoso. Quixemos mollar a pólvora daquel exército expandindo a ideoloxía democrática dentro das FAS.

 

Esa reacción dábase na mesma medida entre a tropa? Había dous exércitos? 
Impoñíase o corpo de oficiais. Os recrutas viñan aquí, querían pasar desapercibidos, non meterse en líos e santas pascuas. Non había na tropa efervescencia nin nada diso. Era o núcleo de oficiais o que definía a política militar e do país. 


Logo de ser detido e de, xa a mediados dos 80, recuperar o emprego de coronel, viu un Exército moi diferente do dos anos 70? 
Pois diría que cambiara moi pouco porque neses dez anos non dera tempo a consolidarse nada. O único “templado” que había era o xefe do Estado Maior, o sucesor de Gutiérrez Mellado, Íñiguez, pero fóra diso era a reacción pura. A súa oposición ao noso reingreso era moi forte. Os xenerais falaban de nós como traidores, e non lles fataba razón: eramos traidores ao franquismo, que era a ideoloxía dominante daquela xente, como o nacionalcatolicismo, a caspa... Nunha das reunións daqueles coroneis do grupo de San Martín –un perigo público– chegaron a dicir que non podían tolerar o noso reingreso porque suporía sufrir o maltrato que supuñan as leis que ían contra as súas convicións relixiosas, o divorcio... Como se os obrigasen a divorciarse! Ou aquel artigo de De Santiago y Díaz de Mendívil, pouco antes do 23-F, que dicía que non se podía tolerar nada do que estaba a pasar “como españoles y creyentes”. É dicir, que a crenza todavía xustificaba un golpe de Estado. Era un mundo perigoso.

 

De todos os compañeiros que compartiron con vostede aquela loita, gustaríalle destacar a alguén en especial? 
O servizo de información fixo todo o posible para conseguir delatores entre nós. E só conseguiron catro testemuñas de cargo no noso consello de guerra, que son pouco nun colectivo que daquela debía rondar os 180. Catro, e con moitas presións e ameazas. E, deles, só dous dixeron que si a todo o que propuña o fiscal. Os compañeiros, mesmo cando prohibiron expresamente que ninguén visitara ás mulleres dos presos e dos detidos, negáronse a facelo. Houbo xestos moi fermosos por parte de persoas que deron a cara. De arrugarnos, nada. 

Xosé Fortes | “Eu tiña un bo destino, para non meterme en líos, pero, claro, os líos estaban diante dos nosos fuciños”

Te puede interesar