Un total de seis persoas que, durante 2024, solicitaron a prestación de axuda a morrer dignamente, pediron tamén ser doantes de órganos, e “grazas a súa xenerosidade”, practicáronse un total de 31 transplantes.
Así o deu a coñecer este xoves a directora de ADOS, Marisa López, que compareceu na Comisión quinta, de Sanidade, para analizar as cifras e a evolución dos transplantes de órganos en Galicia, en resposta a unha pregunta da deputada popular Encarna Amigo.
Na súa intervención, Marisa López destacou os bos resultados en termos de transplantes en Galicia, cunha “actividade sen precedentes” e subliñou a influencia nestes parámetros de cuestións como a redución de negativas familiares ou o programa de doazón en asistolia, instaurado en 2012.
Ademais, lembrou, coa regulación en 2021 da prestación de axuda a morrer permítese en Galicia que as persoas que o desexen sexan doantes.
Nesta liña, a directora de ADOS apuntou que, en 2024, seis persoas que solicitaron a eutanasia “puideron cumprir o seu desexo de ser doantes” e posibilitaron 31 transplantes.
No 2024 houbo en Galicia 137 doantes de órganos, “o mellor resultado desde o inicio do programa en 1981”. Estes permitiron realizar 424 transplantes na comunidade, un “récord absoluto”, o 28% máis que o ano anterior e 24 puntos por encima da taxa media española.
Os datos reflicten o crecemento en todos os programas de transplantes en 2024. En concreto, rexistráronse 208 transplantes renais, cun incremento do 24% con respecto ao 2023; 64 pulmonares dos que 36 foron bipulmonares, o que supón 31% máis; 118 hepáticos, 34% máis; e 30 transplantes cardíacos, un 36% máis que o ano anterior.
O 10 de febreiro, ademais, cumpriuse o fito dos 10.000 transplantes en Galicia desde o inicio do programa, lembrou, e na actualidade hai menos de 200 pacientes á espera, “un fito” tamén.
Para manter estes niveis, a intención do Executivo galego é seguir informando e sensibilizando á sociedade para propiciar unha conciencia proclive á doazón e diminuír, aínda máis, as negativas familiares á doazón.
ADOS reforzará, ademais, a colaboración coas asociacións de pacientes transplantados, traballando a través dos programas de aprendizaxe e sensibilización, coa participación no Programa salvavidas do Plan Proxecta e por medio das charlas na escola impartidas por profesionais e enfermos.
Igualmente, búscase manter a formación continuada de todos os profesionais, residentes, coordinación autonómica e hospitalaria, xunto coa Organización Nacional de Transplantes, na xestión de comunicación e doutros aspectos médicos legais no ámbito da doazón.
Sanidade potenciará a capacitación dos equipos dos programas de transplantes para manter os niveis de excelencia que permitan consolidar e mellorar os resultados acadados.