A Xunta asegura que Galicia está en condicións de erradicar o VIH no ano 2030

A media anual de 6,15 novas infeccións por cada 100.000 habitantes sitúa á rexión por baixo do conxunto do Estado
A Xunta asegura que Galicia está en condicións de erradicar o VIH  no ano 2030
Gómez Caamaño posa cos galardoados nos premios sobre VIH e outras ETS | EP

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interviu este venres no acto conmemorativo do Día Mundial da Sida, no que o departamento sanitario avanzou que Galicia está en condicións de alcanzar o obxectivo de erradicar o VIH en 2030.


O conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Xuntos entregaron os Premios galegos de VIH e outras infeccións de transmisión sexual 2024.


Segundo informaron, o Executivo galego investirá 40 millóns de euros na subministración de antirretrovirais. Con iso, incorporaranse tres novos tratamentos deste tipo para ofrecerlles aos pacientes as terapias máis avanzadas e eficaces.


Actualmente, en Galicia son máis de 6.300 as persoas con algún tratamento antirretroviral activo. Tal e como apunta un estudo elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública referido ao período 2004-2023, demóstrase unha evolución “marcadamente descendente” da prevalencia da Sida en Galicia nestes últimos 20 anos.


A media anual rexistrada de 6,15 novas infeccións por cada 100.000 habitantes sitúa a Galicia moi por baixo do conxunto do Estado, onde o rexistro está en 9,6 casos por cada 100.000 habitantes. En concreto, o rexistro referido a 2023 é “aínda mellor” e cae ata os 4,3 casos fronte aos 7,4 da media nacional. Neses 20 anos, 3.385 novos pacientes foron diagnosticados de VIH en Galicia.


Por contra, o conselleiro alertou de que, así como a infección por VIH e Sida amosan unha tendencia de “melloría sostida”, hai unha preocupación compartida polo incremento doutras enfermidades de transmisión sexual (ETS), sobre todo entre os máis novos. 

 

Por iso, Gómez Caamaño puxo o foco na concienciación e a detección temperá e destacou algunhas campañas como a unidade móbil que achega probas rápidas e educación sobre as ETS en eventos e espazos de lecer dos mozos, e que xa realizou 1.000 probas rápidas en seis meses.

 

Premios concedidos


Na categoría de investigación científica, o primeiro premio foi para o artigo ‘Meningococcal carriage in men who have sex with men presenting at a sexual health unit in Spain’ de Alexandre Pérez González, do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

 

 Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e o segundo para o artigo ‘Plasma Human Immunodeficiency Virus 1 RNA and CD4+ T-Cell Counts Are Determinants of Virological Nonsuppression Outcomes With Initial Integrase Inhibitor-Based Regimens: A Prospective Respond Cohort Study’ de Hortensia Álvarez Díaz, do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.


Nos mellores proxectos educativos en ETS, o primeiro galardón foi para ‘A saúde sexual’ do IES Río Miño de Rábade (Lugo). O segundo premio foi para ‘Ten saúde con Don’ do IES Nº 1 do Carballiño (Ourense).


Na mellor intervención sanitaria gañou ‘Deixa a túa pegada’ da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias, e en Intervención social para ‘VIH Ciencia Aberta’, de Eva Poveda López, do Grupo de Viroloxía e Patoxénese do IISGS. 

A Xunta asegura que Galicia está en condicións de erradicar o VIH no ano 2030

Te puede interesar