A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o stand da Xunta que está situado no Cantón Grande. Este punto informativo busca sensibilizar á cidadanía entorno á violencia de xénero e informar sobre as distintas formas nas que se manifesta.
Durante a visita, Fabiola García lembrou que este punto informativo é unha das accións que leva a cabo a Xunta de Galicia con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O obxectivo deste stand é aproximarse a toda a veciñanza. “Achegamos a pequenos e maiores, a mulleres e homes, toda a información de utilidade que poidan precisar”, sinalou.
Así, a conselleira lembrou que a Xunta impulsa ata decembro máis de 300 actividades para abordar a loita e prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade. Deste xeito, o punto informativo cumpre cun dos eixos da campaña, a sensibilización a pé de rúa. Ademais, destacou que o obxectivo é concienciar e implicar a toda a cidadanía porque “a violencia de xénero non é unha cuestión privada, está entre nós”, recalcou.
Stands informativos nas cidades
Tal e como sinalou Fabiola García, estes stands informativos estarán presentes en diferentes puntos de Galicia. En concreto, hoxe sitúase na praza do Obelisco na Coruña e mañá estará en Pontevedra, na praza da Peregrina. Na vindeira semana, o venres 22, o punto informativo estará en Lugo, na praza do Concello, e o sábado 23 en Ourense.
A última parada do stand será a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. Colocarase o día 24 de novembro coincidindo coa andaina solidaria Camiño ao respecto que organiza a Xunta de Galicia. Á marxe destas datas, a conselleira lembrou que os puntos informativos situaranse tamén nos campus universitarios galegos.