XVI Santiago(é)Tapas: o concurso gastronómico que dinamiza Santiago en febreiro

XVI Santiago(é)Tapas: o concurso gastronómico que dinamiza Santiago en febreiro
Preselección das tapas do #Santiagoetapas2025 na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos. I LaDiapo

O vindeiro xoves 13 de febreiro arrincará a XVI edición de Santiago(é)Tapas, o concurso gastronómico promovido e organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación de A Coruña. Durante case tres semanas, ata o 2 de marzo, a cidade encherase de sabor coas propostas culinarias de 42 locais participantes, que ofrecerán un total de 68 tapas nesta edición.

 

O evento, que tradicionalmente celebrábase en novembro, trasladou a súa data a febreiro logo  dun proceso de diálogo co sector hostaleiro. Este cambio realizouse co obxectivo de dinamizar un mes con menor actividade na hostalería. “En novembro xa había unha demanda bastante importante nos locais, mentres que febreiro era un mes máis frouxo. O ano pasado fixemos unha proba e funcionou moi ben: participaron 40 locais e consumíronse preto de 25.000 tapas. Por iso este ano repetimos en febreiro e xa superamos os números dá última edición, con 42 locais rexistrados e un maior número de tapas presentadas”, explica Míriam Louzao, concelleira de Turismo.

 

Gastronomía e turismo: unha aposta estratéxica

 

Santiago(é)Tapas forma parte da estratexia turística da cidade dentro da marca Compostela Gastronómica. “Un dos nosos principais obxectivos é poñer en valor a nosa gastronomía. Queremos que quen visite Santiago veña con tempo e goce de todo o que a cidade ofrece: a nosa cultura, a nosa lingua e, por suposto, a nosa cociña. Ademais, buscamos a desestacionalización do turismo, fomentando a visita a Compostela fóra da tempada alta, que vai de maio a outubro”, engade Míriam Louzao.

 

Este ano, unha das novidades máis destacadas é a colaboración co Mercado de Abastos, onde se realizaron as probas de preselección das tapas. “O Mercado é un espazo clave para o produto de proximidade e calidade, polo que esta alianza reforza o compromiso coa excelencia gastronómica”, engade a concelleira.

 

LaDiapo SET 3
Probas de preselección das tapas do XVI Santiago(é)Tapas. I LaDiapo

 

Patrocinios e premios

 

O evento conta co respaldo de importantes patrocinadores como Estrela Galicia, Ponte da Boga, Cash Record, Cafés Dromedario, a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), Gadis e o Mercado de Abastos, ademais da Deputación de A Coruña e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).

 

“Sen estes apoios, o concurso non sería posible. Ademais, quixemos premiar a calidade cun novo galardón especial para os establecementos distinguidos co selo SICTED de calidade turística”, afirma Louzao.

 

Os premios inclúen:

 

• Premio á mellor tapa creativa, tradicional e doce (1.000 € cada un).

 

• Premio á mellor tapa sen glute (200 € en produtos sen glute).

 

• Premio especial aos 5 establecementos con selo SICTED.

 

Ademais, o público poderá gañar premios simplemente por participar: produtos galegos con denominación de orixe, viños, cervexas, paquetes de café, abonos para o Obradoiro CAB e a SD Compostela, entre outros.

 

Cómo participar en Santiago(é)Tapas:

 

1. Recoller o Tapasporte (desde o 13 de febreiro na Oficina de Turismo e nos locais participantes).

2. Probar tapas nos locais adheridos e selar o Tapasporte.

3. Votar as mellores tapas mediante os códigos QR en cada establecemento.

4. Trocar os premios na Oficina de Turismo ata o 10 de marzo.

 

“Convidamos tanto a visitantes como á cidadanía compostelá a participar e percorrer os sete roteiros gastronómicas do concurso. Gozarán de grandes propostas culinarias e poderán optar a premios mentres dinamizamos a cidade”, conclúe a concelleira. 

XVI Santiago(é)Tapas: o concurso gastronómico que dinamiza Santiago en febreiro

Te puede interesar