O segundo “Moeche na memoria” preséntase no castelo

A obra que se da a coñecer recompila vivencias de máis de medio centenar de veciños de San Xurxo e San Xoán
O segundo “Moeche na memoria” preséntase no castelo
A fortaleza do concello, na parroquia de San Xurxo, acollerá o encontro | CEDIDA

Na mañá deste domingo, ás 12.00 horas, terá lugar no castelo da parroquia de San Xurxo un acto familiar e aberto a calquera persoa interesada, que dará a coñecer un traballo colectivo realizado coa colaboración de 54 veciños. Trátase do segundo volume de “Moeche na memoria”, unha obra coordinada por Xaquín Ros Rodal que inclúe 16 capítulos en forma de entrevistas, conversas orais ou colaboracións, así como algunhas fotografías e incluso debuxos.


O primeiro exemplar xa fora unha iniciativa da xunta directiva da asociación veciñal Val de Moeche, cuxo ámbito de actuación son as parroquias de San Xurxo e San Xoán, polo que os contidos refírense a estes territorios. Así, o obxectivo era rexistrar as historias vitais das que se adoita falar pero que non estaban, até o momento, escritas, e que forman parte do patrimonio.


Polo tanto, o traballo realizouse colectivamente durante todo o proceso, dende a elección dos temas ás últimas correcións, que constituíron unha parte determinante ao transcribir algúns dos diálogos, por exemplo. Do mesmo xeito, foi fundamental “darlles unha marxe de tempo para que pensen”, indicou o coordinador sobre os participantes.


En relación á primeira publicación, presentada o ano pasado no mesmo castelo de Moeche, dos 18 veciños que colaboraron pasouse a 54 participantes nesta ocasión. Por este motivo, a tarefa de coordinación supuxo un reto maior, máis aínda porque o encargado é mestre, xubilado, de profesión. “É un traballo bonito porque trátase de contactar, ben persoalmente ou a través de distintos membros da xunta directiva, con algún veciño ou veciña que nos interese”, argumentou Xaquín Ros.


Aínda que nalgún caso faise referencia a algún acontecemento anterior, nos textos “estamos falando dos anos 40, 50 e 60 do século pasado”, indicou o coordinador, xa que “hai persoas maiores que teñen moita memoria, afortunadamente, e se non foron protagonistas, viviron naquela época os acontecementos”. O obxectivo principal é “recoñecernos nós mesmos en todo iso, recuperar a memoria, pero tamén nos interesa que isto saia a outras partes, incluso do mundo”, continuou.

 

De feito, certos temas que trata o texto son consecuencia de contactos con persoas que se atopaban en lugares como Montevideo ou Alemaña, “que por un motivo ou outro teñen relación co concello de Moeche”. Algúns exemplos que recolle o libro poden ser, entre moitos outros, os establecementos que servían de tenda-bar-mesón ou o taller mecánico que montara Pepe Rego, que ademais era “unha especie de Formación Profesional” na que aprenderon o oficio numerosos rapaces.

 

Presentación

O acto de mañá no castelo estará conducido por Puri Rodríguez Calvo, xornalista e veciña de Santa Cruz, que estará acompañada por Manuel Couce Gutiérrez, presidente da AVV; Xaquín Ros Rodal, coordinador dos traballos, e Beatriz Bascoy Maceiras, alcaldesa de Moeche, que tamén colaborou no proceso como veciña.
Ademais, ao rematar a sesión, convidarase aos asistentes a uns aperitivos e os colaboradores recibirán cadanseu exemplar do libro, que xa teñen reservado. 

O segundo “Moeche na memoria” preséntase no castelo

Te puede interesar