Despois de todo o acontecido nos últimos meses no panorama político de Mugardos –cunha moción de censura truncada–, abordamos co portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Evaristo Deus, a situación do concello.
Pasaron máis de 18 meses dende as eleccións municipais do 2023 e o PP segue a gobernar en minoría. Dende o BNG foron moi críticos coa xestión de Juan Domingo de Deus, tamén dende outros partidos da oposición. Que elementos do contexto local favorecen que aínda non se producise un acordo entre as esquerdas para mudar a situación?
No BNG fixemos todo o que estaba e está na nosa man facer, que é o que a xente agarda do partido a quen entregou o liderado da esquerda nas eleccións municipais. Do mesmo xeito, no pasado, soubemos entendernos co PSOE ou con EU cando lles tocou encabezar unha coalición de goberno. O BNG sempre estivo ao servizo da maioría social de Mugardos. Nunca bloqueou a formación dunha coalición de esquerdas. Os motivos que impiden un acordo deberían explicalos outros.
Durante ese período electoral as esquerdas tiveron a oportunidade de formar un tripartito, pero a negativa de Pilar Díaz de EU foi clave para que non se alcanzase un acordo. Mirando retrospectivamente, pensa que foi unha oportunidade perdida para Mugardos?
Sen dúbida, cónstanos que foi un momento de grande frustración para a gran maioría das veciñas e veciños do noso concello. A xente non entende a que veñen estes vetos e estes regates en curto. Quere que os representantes políticos teñamos altura de miras e saibamos superar as nosas diferenzas. Mugardos hoxe está aínda peor que hai ano e medio. Cada mes do PP na Alcaldía é un mes perdido.
Denuncian que un dos puntos máis críticos sobre a xestión dos populares é a falta de planificación e o colapso de servizos esenciais, como o mantemento de espazos públicos, o de comedor nas escolas, ou a limpeza das rúas. Como ve o BNG a situación do municipio hoxe en día?
A sensación que nos transmite a veciñanza na rúa é de que hai un abandono total. Dentro do Concello tamén se percibe unha baixada de brazos do goberno municipal desde o principio mesmo do mandato. Nin hai ganas de buscar solucións, nin se lle dedica o tempo necesario. Así están pasando cousas como a perda constante de subvencións para equipar o polideportivo, para limpar fontes e lavadoiros, para socorristas, para a oficina de turismo, para contratar técnicos que resolvan os expedientes de medioambiente… Mugardos está perdendo o tren mentres outros concellos van a toda máquina. Recentemente soubemos do ultimátum que dou o Consistorio de Ares a Mugardos con respecto á xestión do Complexo Acuático do Castro. Ameazan con saír do convenio se non resolven as contas de explotación que levan paradas desde o 2016. Eso podería derivar no peche da piscina. Ademais levan varios anos de retraso no pago dos convenios coas sociedades e asociacións, o que implica que algunhas deixen de facer actividades no concello ou renuncien a colaborar con este goberno. Isto supón unha grave perda de vida cultural, deportiva e de tecido social para o noso pobo.
Nos últimos meses o BNG denunciou reiteradamente a “deriva” do goberno local e a incapacidade do PP para tomar decisións clave. Propoñen un goberno de coalición co PSdeG, pero tamén foron críticos coa falta de vontade dos socialistas e de EU para formar unha maioría estable. Cal cre que é a principal razón de que as forzas progresistas non se lograsen poñer de acordo para gobernar?
Como comentaba antes, a vontade do BNG de Mugardos para chegar a acordos entre a esquerda é total. Agora e sempre. Nós temos un programa amplo para sacar adiante a vila. Sabemos o que é gobernar, contamos con experiencia e temos a man tendida. Atrévome a dicir que hai consenso con PSOE e EU en que é necesario e urxente poñer ao día as contas, reactivar os servizos municipais que está desmantelando o PP, rescatar ás asociacións do castigo económico e moitas cousas máis. Se hai acordo niso, non podemos explicarnos a razón de que non haxa cambio. Os cálculos electorais deberían deixarse a un lado, polo ben de Mugardos.
Que opinan sobre a última proposta que puxo enriba da mesa o PSOE, en relación a unha rotación na Alcaldía?
O BNG mantivo un bo entendemento co PSOE desde o comezo do mandato, é algo que se puido comprobar pleno tras pleno. É o que a xente agarda de nós. Porén, a proposta que fai agora o PSOE haina que entender no seu conxunto, porque tamén esixe que EU entre no goberno. EU deixou claro que iso non vai suceder e o PSOE sábeo. Creo que a situación é clara. Quen quere resolver problemas propón solucións e, quen non, pon excusas.
Está o BNG disposto a asumir toda a responsabilidade en solitario se iso fose necesario para cambiar a situación de Mugardos?
No BNG temos programa, temos experiencia e temos unha vontade firme de traballar por Mugardos. Os problemas de Mugardos non veñen derivados de ter un goberno en minoría, como lle gusta repetir a Juan Domningo de Deus. O BNG gobernou en solitario moitos anos este concello e fomos quen de construír quilómetros de beirarrúas e saneamento, dotalo de piscina, de campo de herba artificial, de mellorar servizos… o problema é de capacidade, de gañas e de talante, e o PP non ten nada diso.
A nivel económico, expoñen que Mugardos enfronta serios desafíos debido aos problemas financeiros herdados, a falta de liquidez e a acumulación de facturas impagadas, máis aló da crítica ao PP, cal son as súas propostas neste eido?
Está claro que Mugardos necesita poñer as contas ao día. Necesita urxentemente novos orzamentos, pensados para o Mugardos do 2025, non para o de 2022. O PP é incapaz de poñer enriba da mesa unha proposta desde hai tres anos. Iso está lastrando o pago ás empresas e os servizos que se lle presta á veciñanza. Necesitamos impulsar proxectos importantes como o do Mercado Municipal ou a Biblioteca, pero é imposible coa actitude actual do PP. Leva un ano de retraso no cobro das taxas de auga, lixo, sumidoiro e rodaxe. Culpan de todo á oposición e á oficina de recadación que leva funcionando 35 anos. Pero é que tamén é necesario facer un plan de pagos e informar á cidadanía, que levamos pedindo máis dun ano, para ver como afrontar os dous millóns de débedas en facturas e a falta de liquidez e actualizar as taxas que levan sen actualizarse desde que o BNG deixou a alcaldía. O PP prefire culpar á falta de diñeiro de Reganosa e á oposición sen ver que os Concellos da contorna non teñen eses cartos e non teñen os mesmos problemas financeiros.
Unha crítica recorrente que se fai desde o BNG ao goberno do PP é a súa falta de transparencia e de xestión adecuada en temas como o pago de facturas e a xestión da recadación. Sen embargo, que pasos concretos está disposto a dar o BNG para mellorar a comunicación e a transparencia coa cidadanía?
Non é unha crítica, é unha realidade. Non hai máis que ir ao portal de transparencia do Concello. Cáeseche a alma aos pés. Sobre a política de comunicación, en fin… estáse vetando a veciñas e veciños que se dirixen ao Concello con respecto, só por ser críticos. É inadmisible. Por outra parte, que a cidadanía participe directamente en decisións do que pasa na súa parroquia non é ningún capricho, nin debería ser só unha promesa electoral. Está xa máis que demostrado que cando a poboación participa, as actuacións dos Concellos teñen máis sentido, cubren moito mellor as necesidades. Iso teno demostrado o BNG en municipios onde goberna. Mugardos debería ser outro máis.
A vila enfronta un futuro incerto, con desafíos económicos, sociais e medioambientais por diante. Se o BNG chega a gobernar, como garantiría que o municipio non repita os mesmos erros do pasado?
Do pasado debemos aprender que non podemos emprender proxectos sen unha boa planificación, sen asentalos sobre consensos e sen un traballo profesional e rigoroso. En Mugardos pecouse do contrario, de proxectos unilaterais e pensados a curto prazo. Así nada sae adiante. Temos que cambiar esa dinámica. Mugardos é un lugar privilexiado en moitos aspectos e debemos estar á altura.