A compañía Sarabela Teatro, dirixida pola dramaturga e pedagoga Ánxeles Cuña, representa a obra “O dragón de ouro” este sábado ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Narón. Trátase da primeira tradución ao galego da peza do prestixioso dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, que desprende un uso intelixente do humor ao tempo que encerra unha fonda reflexión sobre temas de relevancia social.
“O dragón de ouro” presenta dous aspectos principais que espertaron o interese da compañía. Segundo explica Ánxeles Cuña, o primeiro trazo especial é a potencia creadora de Schimmelpfennig, que “é o autor alemán vivo máis representado a nivel internacional”, informa a directora.
Esta é a primeira vez que se dá a coñecer un dramaturgo desta envergadura, que tamén é director e xornalista, e que se representa en galego. Este fito supón un “estímulo grande porque o seu traballo é moi esixente pero marabilloso”, expresa Cuña.
Catuxa Pato traduciu o texto, co apoio do Goethe Institut Madrid, expresamente para Sarabela Teatro. Tanto a directora deste centro cultural alemán como o propio autor, Schimmelpfennig, estiveron presentes na estrea, que foi en Ourense en febreiro.
A outra particularidade é que se trata dunha traxedia contemporánea con elementos grotescos “pero que aborda temas de interese social, cultural e artístico como son a inmigración ilegal e a prostitución”, expón Ánxeles Cuña. Esta actuación tamén é ilusionante para Sarabela Teatro porque “Narón é unha das prazas máis queridas para nós e máis importantes de Galiza”, declara.Así mesmo, a gañadora de varios premios María Casares describe aos espectadores deste concello como ideais. “É un público crítico, amable, cómplice e que se implica, porque ve moito teatro dende hai tempo”, valora a directora.
A representación supón un reto para a compañía, a pesar da súa ampla experiencia, pola esixencia de encarnar 23 personaxes diferentes entre cinco actores. O elenco está formado por Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu. Un conxunto que foi definido pola súa directora como veterano, entregado e con capacidade tanto para divertir como para emocionar. Tamén destacou o personal que se ocupa das distintas áreas do deseño.
“Temos un equipo moi sólido que é un tesouro” e “hai unha comunicación impresionante e moi necesaria para facer isto ben”, indica Cuña. Algúns dos nomes son Iris Blanco, como responsable de escenografía e vídeo arte; Laura Iturralde, coa iluminación; Ruth Díaz Pereira, a cargo do vestiario; Renata Codda Font, responsable do campo sonoro, e Vadzim Yuknevich é o compositor musical. Por outro lado, Rut Balbís ocúpase no asesoramento de movemento e María Peinado, da asesoría no texto.
Ademais do número de personaxes, os intérpretes presentan unha grande versatilidade para narrar as seis historias cruzadas que suceden ao longo das 48 escenas. Para acentuar o reto, a peza aposta polos cambios de identidade como que “os máis novos fan de maiores e os homes de mulleres”, exemplifica Cuña. Seguindo esta liña, por exemplo, todos os actores, de orixe occidental, representan a inmigrantes de distintos países orientais.
O obxectivo desta decisión é cambiar a percepción habitual, á vez que proporciona momentos humorísticos e paradoxos que achegan “unha visión moi contemporánea, que realmente é un collage con moitas perspectivas”, explica a fundadora do grupo. Ánxeles Cuña aproxima a idade do público idóneo a partir dos 14 anos. Non indica a obra para nenos porque “tamén hai momentos duros, un pouco máis descarnados, ademais dos humorísticos”, manifesta a directora.
“O dragón de ouro” preséntase como unha peza teatral amena, cunha duración de arredor dunha hora e cuarto. O espectáculo está plagado de xiros inesperados que suceden cun ritmo trepidante e un estilo cinematográfico, que resulta “moi grato para espectadores activos”, conclúe Cuña.
As entradas para o evento pódense mercar por anticipado a través da páxina web do Padroado de Cultura do Concello.