A compañía Producións Teatrais Excéntricas representará este sábado “Tres vellas na romaría”, unha peza coa que se dá continuidade a unha historia que comezou en 2019. Os artistas Guti, Celso Sanmartín e Quico Cadaval son os responsables desta “serie”, que darán a coñecer no Pazo da Cultura ás 20.00 horas.
O primeiro espectáculo que fixo protagonistas a esta tríada xa recibira moi boas valoracións por parte dos críticos, un dato pouco sorprendente ao atender ás traxectorias dos seus autores, que tamén constitúen o elenco. José Luis Gutiérrez, coñecido como “Guti”, Celso Sanmartín e Quico Cadaval son os nomes que están detrás de “Tres vellas (polo menos)” e “Tres vellas na romaría”, un equipo que conflúe na faceta de contadores de historias, que os levou, individualmente, por distintas partes do mundo.
Como deixaba entrever o título, a proposta orixinaria desenvolvíase de xeito único en cada unha das funcións, nas que as vellas non eran sempre as mesmas, aínda que algunhas repetiran. Nesta ocasión, a historia, que se exhibiu por primeira vez en 2023, sitúa ás súas protagonistas nos días máis festeiros e ambiéntase con todos aqueles elementos que se vinculan ás tradicionais romarías que se celebran en Galicia no verán. A relixión e a superstición únense co baile e os romances nestes eventos, sobre os que as vellas veñen poñerlle palabras para transmitir toda a maxia deste universo.
O selo de identidade de Producións Teatrais Excéntricas é o uso do humor e a farsa, unha característica que pode apreciarse nunha das súas últimas obras, “O auto do Castromil”, co que gañou o premio de proxectos teatrais do certame Manuel María. Neste 2024, a compañía cumpre 20 anos de traxectoria e entre as estreas desta tempada inclúese “Monstros”, un espectáculo para público familiar, tamén cómico, con música en directo. Algúns dos derradeiros recoñecementos que recibiu o grupo son os tres premios María Casares por “O Porco de Pé”.