O grupo municipal do BNG de Narón presentou nunha rolda de prensa unha das mocións que defenderán na sesión plenaria desta tarde. O texto ten por obxectivo, tal e como explicou a portavoz Olaia Ledo, frear o prezo dos alugueiros, facilitar o acceso á vivenda social na localidade e iniciar un plan destinado á mocidade neste eido. “Hoxe, alugar unha vivenda na nosa cidade implica ter, en moitos casos, un aval bancario e pagar até seis meses de fianza, como coñecemos dalgunhas persoas da zona”, aseverou.
A formación reclama que se inste á Xunta e ao Goberno central a que cooperen na adopción “de todas as medidas necesarias para frear o aumento dos prezos da vivenda”. Tamén esixe ao executivo autonómico o exercicio pleno das súas competencias no referido á promoción de acceso á vivenda.
Ao Concello reclámaselle na moción pór en marcha un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro; demandar á Sareb parte das súas propiedades para crear un parque municipal e impulsar un Observatorio Local de Vivenda. Os nacionalistas demandan, así mesmo, que se mobilice o gran número de fogares baleiros para aumentar a oferta de alugueiros a prezos accesibles e manter no PXOM un mínimo do 8% de vivenda protexida.
Ledo compareceu onte xunto ao que fora portavoz dos afectados das vivendas de Piñeiros, Pablo Melaski, quen apuntou que “Narón deixou de ser unha cidade para a xuventude pouco ao pouco e o Concello non o viu vir ou deixaron que fose así. Penso que é necesario recuperar vivendas baleiras e darlle oportunidades de emancipación á mocidade, cara ao futuro da nosa cidade. Ademais, os fondos voitre fan que os prezos suban o que lles dea a gana, moi por riba dos salarios e a vida. Queremos un concello onde o prezo da vivenda non supoña o 50% da nómina”.