O programa de xaneiro, e do que resta de trimestre, no Pazo da Cultura de Narón fará protagonistas a recoñecidos profesionais das artes escénicas a nivel nacional. A parella cómica que forman Carlos Blanco e Touriñán en “Somos Criminais e punto final” será unha das primeiras, con catro pases entre o venres 17 e o domingo 19 deste mes.
Neste mesmo sábado terá lugar a última función de “Las bodas del Fígaro”, da compañía Unahoramenos Producciones, ás 20.00 horas, e mañá será a quenda do público infantil con “Un traje nuevo para el emperador”, de La Pera Limonera.
“Somos Criminais e punto final”, da man de Ainé Produccións, mostrarase o vindeiro fin de semana en varias sesións, ás 18.00 e ás 20.30.
O sábado 25, soará a música folk de Os do fondo da barra, nacido no seo da veterana asociación Xacarandaina, que presentará o seu primeiro disco, “Banzo”.
Ao día seguinte, un elenco no que está integrada Silvia Abril subirá ao escenario cunha peza teatral titulada “Las asambleístas (Las que tropiezan)”, de El Terrat.
Para pechar definitivamente o cartel deste mes de xaneiro, sen cambiar de disciplina artística, o Grupo Chévere ofrecerá “As fillas bravas de Momán” o venres 31.
En febreiro hai previstas catro representacións, comezando pola obra de monicreques “Rosalía a pulga que escribía” o día 2 e o 8 volve á comarca o teatro musical “Mangoreté”, con Desirée Pillado e Bea García. O 15, Teatro do Noroeste presentará o drama “Guerra” e o 22 Almamahler ofrecerá a obra “Rigoletto”.
Marzo estrearase cun monólogo de categoría que propón Pentación, interpretado por Toni Acosta, que abrirá o Festival Internacional Singular. Este mes será o que presente maior cantidade de citas no trimestre.