Esta tarde de mércores estréase un novo programa do Cineclube Serie B, que volve ofrecer proxeccións de balde cada semana, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón. Nesta ocasión, trátase do ciclo “Cine europeo”, que selecciona películas deste continente recoñecidas no eido internacional, e a primeira será “Anatomía de una caída”, da francesa Justine Triet.
A directora tamén é guionista, xunto con Arthur Harari, desta proposta inicial, que foi amplamente premiada en festivais internacionais coma o de Cannes, no que recibiu a Palme d’Or, ou nos Oscar, nos que neste ano, ademais de contar con distintas nominacións, obteu o galardón precisamente polo seu texto.
Dende que viu a luz en 2023, “Anatomía de una caída” tamén gañou os premios Bafta polo seu guión, dous premios nos Golden Globe e foi elixida como mellor película estranxeira nos Independent Spirit Awards.
O próximo título tamén saíu o ano pasado e corresponde ao director Jonathan Glazer, “La zona de interés”, que se exhibirá o vindeiro mércores 6 de novembro. Con orixe en Reino Unido, recibiu o Oscar á mellor película estranxeira e o Gran Premio do Xurando en Cannes. Esta é a única peza do programa que se proxectará en versión orixinal con subtítulos en español.
A carteleira seguirá o día 13 coa cinta noruega “The innocents”, que saíu aos cines en 2021. Pola dirección de Eskil Vogt, foi premiada en Austin e en Sitges obtivo unha mención especial, entre outros premios. Para rematar, o día 20 ofrecerase unha obra española, “Dolor y gloria”, de Pedro Almodóvar, que foi gañadora de 7 Goyas e 6 premios Feroz. Neste ciclo colaboran o Concello de Narón, o Padroado da Cultura, a Xunta e a Federación de Cineclubes de Galicia.