As V Xornadas Formativas en Música Tradicional, que organiza a asociación cultural Vai Rañala Meu! no centro cívico e social Sedes, propoñen unha nova sesión o domingo. Nesta ocasión, o obradoiro estará centrado na requinta e non será preciso experiencia previa, soamente realizar a inscrición.
Úrsula Rial, diplomada da Etrad de Vigo como Mestra de Música Folk e Tradicional na especialidade de requinta galega será a encargada de dirixir esta sesión formativa, que terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas. Trátase dun obradoiro único na comarca, xa que neste momento non existe ningunha formación neste obxecto da cultura etnomusical galega.
Os interesados en asistir, poderán achegarse á requinta sen necesidade de ter coñecementos nin o propio instrumento, posto que será a docente a encargada de proporcionalos. Para participar, será mester anotarse escribindo ao enderezo vairanhalameu@gmail.com ou enviando un whatsapp ao teléfono 616 421 882. Con esta iniciativa, que conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación, a asociación Vai Rañala Meu! trata de promover un marco formativo estable dentro da comarca, en particular nas que non se ofrecen pola zona.