A compañía Os Náufragos Teatro produciu, en colaboración coa Agadic, a peza “NOSO”, que se estreou en febreiro e xa pasou por localizacións próximas como o concello de Cariño. Esta fin de semana será a quenda do Pazo da Cultura de Narón, un escenario no que se realizarán dous pases, entre o venres e o sábado. Esta obra, dirixida por Gustavo del Río, baséase nas mobilizacións do rural contra os parques eólicos.
Os Náufragos Teatro ofrecerán dúas representacións no gran escenario naronés. A primeira terá lugar este mesmo venres, ás 20.30 horas, e a segunda o sábado, ás 20.00. As entradas están dispoñibles para a adquisición en liña, na web oficial do Padroado da Cultura, a un prezo de 6,65 euros.
Un vello ultramarinos-bar é o escenario no que se desenvolve a historia, definida como unha “dramedia familiar”, que pon en contraste as lembranzas pasadas cos conflitos presentes. Este espazo constituía un punto de encontro habitual para os veciños dunha aldea pequena. Non obstante, hoxe vese afectado, no eido ambiental e patrimonial, polo imparable avance dun parque eólico.
Por medio desta trama, “NOSO” explora as consecuencias, en xeracións posteriores, das decisións tomadas. Así, o contido tamén toca temas universais como a familia, o sentido de arraigo nun territorio e a capacidade de adaptarse aos cambios. Da mesma maneira, o relato revaloriza os establecementos de ultramarinos-bar, tan habituais durante moito tempo en Galicia, e neste momento atópanse en proceso de desaparición. Así pois, no contido déixase constancia da enorme relevancia que tiveron estes espazos como lugares para a socialización e cohesión comunitaria.
Os Náufragos Teatro, afincada na Coruña, conta cunha ampla traxectoria tanto dentro como fóra da Comunidade galega. Os temas sociais, en especial os que atinxen aos colectivos máis vulnerables ou que se atopan nas marxes, son habituais na compañía, que en 2022 recibiu o María Casares ao mellor espectáculo infantil por “HUGO”.
Gustavo del Río, profesional con formación e experiencia no ámbito teatral e na pantalla, ocupouse tanto da dirección, coa axuda de Irene Lorenzo, como da dramaturxia de “NOSO”. A música fírmaa a propia compañía, Os Náufragos Teatro, mentres que o deseño de iluminación leva o nome de Daniel Pais. O espazo escénico e o vestiario foron responsabilidade de Marisa de la Iglesia, a produción de Antonio Vázquez e o elenco intégrano os actores Daniel Otero, María Roja, Rebeca Vecino, Jimmi Núñez e Sete Eiroa.