“Las asambleístas (Las que tropiezan)” é o título completo do espectáculo que presentará esta tarde de domingo, ás 19.00 horas, a compañía catalana El Terrat. A proposta conta cun equipo de categoría, entre o que destaca o nome da humorista Silvia Abril, que interpreta o papel de Praxágora.
As protagonistas levan boa parte da historia humana afociñando constantemente coas mesmas pedras, que non son máis que erros causados, na súa inmensa maioría, polas leis creadas polos homes. Praxágora é a líder de todas elas, que deberán colaborar para roubar a roupa dos personaxes masculinos e introducirse na asemblea, de xeito que consigan cambiar esas normas establecidas por outras máis igualitarias e polo tanto, tamén máis xustas.
Non obstante, para chegar á decisiva reunión deberán atravesar un bosque enorme durante unha soa noite, cun camiño pragado de perigos e espellos nos que verán reflexadas as súas vidas. As imaxes que van observando as mulleres obríganas a enfrontarse ás súas experiencias e aos seus medos, polo que deberán resolver cales son as leis que realmente provocarán un cambio definitivo. Esta potente mensaxe fai reflexionar sobre o propio papel social, desexado ou non, a base de humor.