Historia de dous cárceres

Historia de dous cárceres
Interior do cárcere de Lugo

Parafraseando o título da coñecida novela de Charles Dickens, “A Tale of Two Cities”, na que o famoso escritor victoriano describe e compara as cidades de Londres e París antes e durante a Revolución Francesa, hoxe vou falar de dous recintos carcerarios moi importantes na historia da represión do período franquista –os presidios de Lugo e A Coruña–, que, despois de cesar na súa función como prisións provinciais, coñeceron un destino moi diferente.

 

Cárcere de Lugo

Proxectado en 1878, o antigo cárcere do Partido Xudicial de Lugo atópase situado nunha zona céntrica da cidade, moi preto da muralla romana. Construíuse entre 1882 e 1887 co financiamento da Deputación Provincial, deixou de funcionar en 1981. Reconvertido actualmente nun importante centro sociocultural, no período entre 1936 e 1940 prodúcese a maior actividade e masificación, chegando a albergar 900 reclusos, moitos deles políticos.


Conformado por un rectángulo de 40x35 metros, con garitas nas esquinas, o edificio dividíase en dúas zonas separadas: administración e xulgado de instrución, por unha banda, e cárcere, pola outra, aloxando este no seu interior un módulo rectangular de mulleres (22 celas) e outro, panóptico, para homes (32 celas); ademais, na parte posterior do edificio atopábase o Pavillón de Servizos, coa cociña, enfermería e almacéns.


Malia as melloras conseguidas con respecto ao anterior penal de Armañá, a aglomeración producida polo ingreso de máis de 5.000 presos políticos –segundo datos da historiadora María Jesús Souto– fai que a vida neste cárcere se converta nun pesadelo, con graves carencias de hixiene, mala calidade da comida e problemas de humidade, o que propicia “a proliferación de enfermidades respiratorias e outras doenzas que mesmo chegaban a derivar na morte” (https://concellodelugo.gal/é/noticias/a-vella-carcel-expón-a súa-memoria-historica-desde-este-venres-en-unha-tripla-mostra).


Entre os presos e presas encarcerados neste recinto podemos destacar  os seguintes: Claudio Rodríguez Rubio (1905-1999), zamorano, técnico muiñeiro de afiliación uxetista; en 1945 foi detido e ingresado na prisión de Lugo; pai do poeta Claudio Rodríguez Fer. Ramón García Núñez (1907-1936), nado en Vilagarcía de Arousa; funcionario do Banco de España en Vigo, de Esquerda Republicana e Gobernador Civil de Lugo; fusilado o 21 de outubro de 1936. Gregorio Sanz García (1900-1997), mestre e dinamizador pedagóxico de Segovia; presidente da Asociación de Mestres Nacionais da UXT; o 24 de xullo de 1936 foi encarcerado no Depósito de Ribadeo, e logo pasou ao cárcere de Lugo; saíu en liberdade o 12 de marzo de 1941 pero foi inhabilitado para o exercicio público. Enriqueta Otero Blanco (1910-1989), mestra, feminista e guerrilleira comunista natural de Castroverde (Lugo), coñecida como María das Dores. Durante a Guerra Civil dirixe varios centros culturais e hospitalarios en Madrid e convértese en secretaria da Pasionaria; en 1939 consegue escapar de Madrid e unirse á guerrilla comunista en Galicia; é arrestada en 1946 en Lugo; pasará, ademais de pola prisión de Lugo, polos centros de Amorebieta, Segovia, Guadalaxara e Alcalá de Henares, onde recibe múltiples torturas que deteriorarán gravemente a súa saúde.


Tras un laborioso proceso de rehabilitación, O Vello Cárcere foi inaugurado o 30 de marzo de 2017 sendo alcaldesa Lara Méndez.


Calquera que se achegue a Lugo poderá gozar deste fabuloso centro cultural e social, moi luminoso no seu interior, que conta con zonas de exposicións, auditorio, biblioteca, salas de obradoiros, zona de investigación arqueolóxica etc.., albergando exposicións permanentes, en especial a titulada “O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra”, que contén libro de memorias, notas, cartas de presos ás familias, paneis informativos e a recreación dunha cela no período do conflito bélico.


En definitiva, unha prisión reconvertida con gran éxito e acerto nun centro cultural moi activo e en espazo de memoria democrática para maior gozo de todos os cidadáns de Lugo e do resto de Galicia.

 

Cárcere da Coruña

Moi diferente é a situación actual do antigo penal coruñés. A coñecida como Cárcere da Torre –por estar situada moi preto do faro romano– é un fermoso edificio hoxe en día totalmente abandonado. 
Construído entre 1925 e 1927 para substituír o antigo cárcere do Parrote, no seu deseño colaborou o arquitecto municipal Pedro Mariño. Durante a ditadura pasaron por ela tanto presos comúns como políticos. Deixou de funcionar en 1998, cando entra en servizo o novo centro de Teixeiro (Curtis). 

 

1 Cu00e1rcere da Coruu00f1a, na actualidade
Cárcere da Coruña, na actualidade


Entre as figuras máis ilustres que pasaron por este recinto podemos sinalar: Alfredo Suárez Ferrín (1881-1936), natural da Coruña; último alcalde republicano da cidade; foi elixido alcalde en dúas ocasións, en 1934 (logo cesado) e en febreiro de 1936, trala vitoria da Fronte Popular; fusilado o 31 de agosto de 1936. Francisco Pérez Carballo (1911-1936), político e avogado madrileño; nomeado Gobernador Civil da provincia da Coruña; fusilado o 24 de xullo de 1936; esposo da bibliotecaria feminista Juana Capdevielle. Ramón Maseda Reinante (1880-1936), nacido en Ribadeo; socialista, promotor das “casas baratas” do Campo de Marte; foi xulgado no mesmo Consello de Guerra que Suárez Ferrín e fusilado o mesmo día. Domingo Quiroga Ríos (1900-1991), coruñés, foi un investigador e xornalista galego, experto pesqueiro, defensor dunha pesca responsable e da protección do medio ambiente mariño; detido ou 25 de agosto de 1936, foi sometido a Consello de Guerra na Coruña e condenado a prisión; despois da guerra foi inhabilitado; primeiro presidente do grupo ecoloxista Adega.


Este espazo, pola gran cantidade de presos que pasaron por el, e debido á súa proximidade aos lugares de execución (Punta Herminia, Campo da Rata), ben podería convertirse nun centro cultural –ao estilo de O Vello Cárcere–ou en museo dedicado ás vítimas do franquismo e a resistencia á ditadura, un lugar de memoria democrática inexistente na nosa comunidade.


No período de 2010 a 2011 a prisión abriu as súas instalacións para acoller diversos actos culturais e exposicións; logo, seis anos despois, baixo o mandato do alcalde Xulio Ferreiro, o cárcere volveu abrir as súas portas para homenaxear ás vítimas do franquismo. 


Mentres se discute sobre a súa titularidade e o diñeiro necesario para a súa rehabilitación (e a quen lle corresponde sufragalo), o edificio, verdadeiro epicentro da represión franquista na Coruña, seguirá sendo pasto da maleza e da desidia institucional.

Historia de dous cárceres

Te puede interesar