LETRAS ATLÁNTICAS | Un acto de demolición

Literatura en #Nordesía: Armando Requeixo escribe sobre "Gaivotas manchadas de petróleo"
LETRAS ATLÁNTICAS | Un acto de demolición

Nos últimos tempos, a obra do escritor lugués Abraham Pérez entrou nunha ben celmosa deriva xenérica que o ten levado dende a inicial radicación poética (lémbrense “Fragmento/ Creba”, 2020; “Unha teoría para os espectros”, 2021; “O corpo transparente das horas”, 2022) á exploración doutros territorios literarios. É o caso da narrativa, na que se estrou con “O paso en falso” (obra de 2023 que fora finalista do Torrente Ballester) ou o ensaio “Sacho de seda” (texto arredor do mundo futbolístico dende o sociolóxico do que tamén me ocupei aquí).


Pois ben, continuando con esa súa ampliación de sentido escritural vén de publicar Gaivotas manchadas de petróleo, volume que se anuncia, xa dende o subtítulo, como un “Diario sen días: 2020-2021”, o que o ancora nunha modalidade da escrita abondo xenuína que se abre a múltiples posibilidades.


Cómpre aclarar que, como diario, estas “Gaivotas manchadas de petróleo” continúan, e aínda implementan, a súa obra fictiva e ensaística, pois, como a propia contracuberta do libro declara, son “unha especie de work in progress” no que se mestura o poético e o irónico, o banal e o político, e deben entenderse como “un manual de instrucións para abordar a obra poética do autor”.


Son, xa que logo, un exemplo actual de literatura do eu e, como tal, están inzadas de “reflexións, aforismos, epifanías cotiás, fendas autobiográficas” e outras modulacións das que agora quero dicir dúas palabras. Porque o primeiro que procede subliñar é que estas “Gaivotas manchadas en petróleo” son calquera cousa menos un dietario ao uso. Aquí non se procede á anotación descritiva do día a día da vida do autor no bienio anunciado, senón que o que podemos ler son os pensamentos, as filosofías e aínda a memorialística de Pérez xerada nese tempo, pero con validez non circunscrita ao período.


Destarte, o que aquí vai desfilando polas páxinas é un entrópico fluír de temas e asuntos que parecen non ter fin. Dende os ritos e cerimonias da escrita ata as reflexións sobre o desexo, as adiccións e a pulsión amatoria; igual os pensamentos sobre o fútbol ou as viaxes que as consideracións verbo do cinema ou a música. Tamén, xaora, as lembranzas da mocidade e os reencontros coas amizades dese tempo e mil e un cismares sobre a vida familiar ou en parella.


Agora ben, ao meu ver, o bocado do león lévano outros asuntos. Entre eles, as lecturas críticas do (socio)político (onde as tinturas a propósito da loita de clases e o proletarismo sobrancean), nas que a visión denunciadora dese posmodernismo tardocapitalista e hipertecnificado no que vivimos ten moita presenza. Por suposto tamén as cuestións existencias adquiren gran relevo, nomeadamente o tema do paso do tempo e certa obsesión coa morte. Secasí, se tivese que destacar un único asunto por riba doutros, coido que este sería o da escrita (meta)literaria como parte da súa xeral reflexión sobre a vida, a beleza e a arte.


En efecto, son moitas as lecturas procesadas, as citas de autores que van aparecendo ao longo destas planas, tantas que se volven incontables, ata o punto de acabar por se converter nunha sorte de diálogo a través dos séculos cos escritores que, devotamente, Pérez frecuentou. E isto, xaora, igual para os creadores de noso como para os doutras latitudes. Entre estes últimos, son aludidos expresamente dende clásicos arredados como Shakespeare, Balzac ou Defoe ata autores de idades máis próximas como Sartre, Pasolini ou Pavese e outros que xa podemos considerar do noso tempo máis veciño, tal Torga, Bolaño, Onetti, Cortázar ou Bernhard, por poñer só algúns dos moitos nomeados. 

 

De igual maneira, neste singular diario de Pérez tamén hai lugar para os Risco e Otero Pedrayo ou García Barros, os Cunqueiro, Fole, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro (a súa tribo lucense), por suposto para Pimentel (de quen reproduce dous poemas), pero amais tamén se lembran Casares e Tovar, Rei Ballesteros, Xela Arias e Lois Pereiro, e aínda estritamente coetáneos Inma López Silva, Suso Lista ou Xerardo Quintiá, á parte dos dietaristas Tovar ou Queipo.


O resultado é un libro no que, a maiores, se integra un manifesto (“Incursión diagonal”, lido nun acto na compostelá Fundación Granell en maio de 2024) e que é unha “ollada no presente, a ponte neovangardista, é dicir, europea, contemporánea”. Velaí a verdadeira esencia desta creatura de Pérez, que el mesmo declara: “Escribir contra a desaparición; escribir contra a fraxilidade. Escribir contra a morte; escribir contra a desmemoria”. E, sobre todo, “a escritura dun diario como un acto de demolición”.

LETRAS ATLÁNTICAS | Un acto de demolición

Te puede interesar